As Festas da Peregrina chegan á súa última fin de semana logo de intensas xornadas de programación para todo tipo de público.
O sábado 20 de agosto terá un toque roqueiro. O motivo non é outro que as actuacións dos pontevedreses Black Stones, na praza da Ferraría, e de Ilegales, na praza de España.
Os Black Stones son un dos bens musicais máis veteranos e coñecidos na cidade. Levan nas súas costas máis de medio século facendo música, o que os coloca no Olimpo da Boa Vila á hora de falar de experiencia e bo facer. Unha homenaxe a eses sons melódicos que mudaron o mundo entre os anos 50 e os 70, cando a música rock viviu o seu apoxeo e todos os ollos estaban postos nos Beatles, Rolling Stones ou na Creedence Clearwater Revival.
Ilegales, unha das bandas asturianas máis coñecidas e representativas da súa escena musical, non precisan máis presentación que a súa impresionante e longa carreira. A banda nace como tal a principios dos 80, fuxindo do pop e da chamada movida, centrando o seu son en melodías máis contundentes e roqueiras, idea que tamén coincide coas letras de Jorge Martínez, líder da banda, que amosa unha visión crítica, crúa e esperpéntica da realidade.
En pleno estado de forma, Ilegales ofrecerán un percorrido polas cancións máis coñecidas da súa carreira ao tempo que presentan o seu último disco, La lucha por la vida, editado este mesmo ano.
Doutra banda, as charangas Charandonga, OT e Mil9 tomarán as rúas; acompañadas tamén polos grupos Os Alegres e Pousos na Area.
Na praza da Curtidoira Teatro ó Cubo presentará Ghop!, un espectáculo de rúa áxil, participativo e cheo de humor; un berro cheo de ímpeto para un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia, o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público desexoso de divertirse e participar.