A UCI de Montecelo suma un cuarto paciente positivo en covid, con 375 casos activos na área sanitaria

Pontevedra
15 de abril 2021

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén este xoves 15 de abril unha lixeira tendencia á alza, con 9 casos activos máis nas últimas horas e 24 contaxios detectados, segundo a actualización de datos ofrecida ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén este xoves 15 de abril unha lixeira tendencia á alza en relación á pandemia, con 9 casos activos de covid máis nas últimas horas e 24 contaxios detectados, segundo a actualización de datos ofrecida ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde.

En total na área pontevedresa realízase seguimento a 375 casos activos, tras unha xornada na que 15 pacientes recibiron o alta epidemiolóxica chegando ás 12.589 persoas que superaron o virus.

Os números tamén reflicten un incremento na ocupación da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo, onde evolucionan actualmente 4 pacientes positivos por coronavirus, un máis que 24 horas antes. A cifra total de hospitalizados si se mantén estable, con 26, ao descender no mesmo número os ingresos en planta con 18 persoas ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 4 máis no Hospital do Salnés.

Desde o inicio da pandemia faleceron 168 persoas en Pontevedra e O Salnés con positivo activo de covid, sen cambios desde o pasado día 7.

En canto a realización de probas, nas oú ltimas 24 horas realizáronse 1.293 test PCR, que se engaden aos 194.609 efectuados con anterioridade.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico este mércores 14 de abril na comunidade hai 2.439 casos activos, o que supón 39 máis. Deles 602 son da área da Coruña (+3), 176 da de Lugo (+7), 205 da de Ourense (+13), 375 da de Pontevedra, 625 da área de Vigo (+10), 363 da de Santiago (-4) e 93 da de Ferrol (+1).

De total de persoas infectadas, 25 están na UCI (unha menos) e 157 en unidades de hospitalización (unha menos). Ata a data en Galicia rexistráronse 2.371 falecementos asociados ao virus, tras sumar un nas últimas horas.