A TVG conta a evolución da prensa en Galicia, dende o primeiro xornal ata PontevedraViva

Pontevedra
27 de novembro 2022

O programa documental da Televisión de Galicia "Tal como somos", que pretende amosar como ten cambiado a nosa Comunidade nas últimas décadas e como constrúe o seu futuro, adicou o capítulo deste sábado á evolución da prensa

Avance do programa "Tal como somos" / CRTVG

O programa documental da Televisión de Galicia "Tal como somos", que pretende amosar como ten cambiado a nosa Comunidade nas últimas décadas e como constrúe o seu futuro, adicou o capítulo deste sábado á evolución da prensa.

O programa achega os testemuños de Rogelio Garrido, director do Faro de Vigo; Miguel Ángel Rodríguez, director do Diario de Pontevedra; xornalistas como Xosé Luis Blanco Campaña, Xerardo Rodríguez; Jorge Hermida, director de Radio Pontevedra; os dous Eugenio González de Haz (pai e fillo), director e presidente de Radio Vigo; e tamén os xornalistas de PontevedraViva Álex Espiño, Ramiro Espiño e Marisa Ciordia. 

"Tal como somos" comeza lembrando que no ano 1800 publicábase o primeiro xornal en Galicia e que nos anos 30 do século pasado chegaron as emisoras de radio. Pola televisión houbo que esperar ata 1961. Nestes 200 anos a evolución foi meteórica, especialmente tras a aparición das novas tecnoloxías nos 90 e principios do século XXI.

A chegada do século XXI veu acompañada dunha das máis grandes revolucións polas que atravesou ao longo da súa historia a comunicación. A era dixital fixo a súa presenza para achegar a información aos cidadáns con novos formatos e tamén mudou a maneira de facer xornalismo.

Moitas veces se falou da 'morte' da radio ou dos xornais de papel, pero manteñen un bo número de oíntes e lectores fieis polo que poden afrontar o futuro próximo con optimismo.