A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, espera que o próximo mes de febreiro chegue a tuneladora que construirá o emisario submarino.
No transcurso dunha rolda de prensa no Concello de Sanxenxo, Ethel Vázquez respondeu ás preguntas dos xornalistas sobre as actuacións en marcha na depuradora dos Praceres, que se atopa en fase de probas desde o pasado mes de outubro "e está a dar xa mellores resultados de calidade das augas".
Ethel Vázquez tamén se referiu aos 12 millóns de euros gastados pola Xunta no segundo emisario submarino na ría e explicou que, a día de hoxe, "estamos a realizar o pozo de ataque" xunto á depuradora.
O emisario submarino é unha tubaxe de tres quilómetros e medio de lonxitude que vai desde a depuradora dos Praceres ata o mar, onde evacuará as augas depuradas a unha profundidade de 28 metros na contorna da Illa de Tambo.
O citado pozo de ataque é unha escavación necesaria para a cámara de carga onde empeza o túnel. Este gran buraco ten reforzadas as súas paredes con pilotes de formigón no perímetro e, durante estes días, está a construírse unha soleira antes de empezar cos muros de revestimento. As tubaxes do emisario xa están almacenadas na zona.
"Esperamos que no mes de febreiro veña esa tuneladora de Alemaña para executar ese sistema pioneiro, cunha tecnoloxía innovadora", dixo a conselleira.
A técnica de construción denomínase ‘direct pipe’ e, segundo precisou Ethel Vázquez, combina vantaxes do microtúnel e a perforación horizontal dirixida.
En particular, redúcense os riscos ambientais xa que este método permite unha loxística de traballo sumamente eficiente, que se despraza case por completo a terra, por tanto, aminóranse así riscos provocados por cambios meteorolóxicos e de programación asociados a traballos en alta mar, á vez que se evitan os consecuentes aumentos orzamentarios.
A conselleira espera que a finais de 2022 estea rematado este emisario e empezo a evacuar as augas da depuradora dos Praceres, será entón cando "daremos un salto importante na mellora da calidade das augas", dixo a titular de Infraestruturas no goberno galego.