A Transición vai analizarse desde unha visión crítica nunhas xornadas sobre Memoria histórica promovidas pola Deputación

Pontevedra
14 de agosto 2020

Estas segundas Xornadas 'Na loita pola impunidade' se van desenvolver os días 11 e 12 de setembro no Pazo da Cultura e na Illa de San Simón. A deputada nacionalista María Ortega e a xornalista Tareixa Navaza presentaron o programa desta edición que levará por título 'A Transición, outro discurso é posíbel'

A deputada María Ortega e a xornalista Tareixa Navaza
A deputada María Ortega e a xornalista Tareixa Navaza / Deputación Provincial de Pontevedra

Os días 11 e 12 de setembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Illa de San Simón acollerán a segunda edición das Xornadas 'Na loita pola impunidade', que este ano leva por título 'A Transición, outro discurso é posíbel', promovidas pola  Deputación de Pontevedra. 

Este venres, a deputada nacionalista María Ortega e a xornalista Tareixa Navaza avanzaron o programa que se desenvolverá durante esta cita relacionada coa memoria histórica. Está prevista a participación do actor Alberto San Juan; a escritora Cristina Fallarás; o músico e autor  Xurxo Souto; a xornalista Margarita Ledo; a concelleira de Santiago Goretti Sanmartín; o dramaturgo Santi Cortegoso; o deputado do BNG Luís Bará e os profesores Xulio Prada e Xabier Ferreira, entre outros relatores.

María Ortega afirmaba, durante a presentación, que cando comezaron a programala no mes de marzo non imaxinaba que todo o tema da Transición ía estar tan de actualidade coa marcha do Rey emérito. Sinalou que o evento se desenvolverá cunha análise crítica lonxe do discurso pacto "no que nos educaron". 

A deputada de Patrimonio afirmou que se estudarán os erros cometidos durante ese período para aprender do pasado e apuntou a que moitas das decisións da época provoca que na actualidade se adopten decisións incorrectas e que sobre o poder lexislativo pese un conservadurismo que impide o avance da democracia.

Sobre as persoas participantes, María Ortega asegurou que son críticas co discurso do pensamento único e lembrou que a memoria é un deber pendente xa que se lle debe xustiza e reparación a aquelas persoas que loitaron por democracia. Tamén afirmou que a Illa de San Simón é unha icona e que desde a Deputación están a traballar pola recuperación da súa esencia, demandando que a Xunta faga un plan de usos racional deste espazo. Desta forma, durante as Xornadas, vai realizarse un roteiro con explicacións dos tráxicos acontecementos que se viviron en San Simón. Avanzou, ademais, que se homenaxeará a Chato Galante, preso político e activista da memoria histórica, falecido en marzo deste ano por coronavirus.

Pola súa banda, Tareixa Navaza, xornalista que traballou durante máis de tres décadas en Televisión Española e portavoz do movemento feminista en Galicia, sinalou que non se pode acusar de reabrir feridas cando nunca se pecharon nesta democracia tan débil. A xornalista, en 1989 era retirada de presentar os informativos territoriais despois de dar lectura a un manifesto nun acto de protesta durante a reconversión naval en Ferrol. "Quero agradecer que non sexades equidistantes, algo que considero indigno das administracións públicas", indicou Navaza durante a presentación das Xornadas.

As inscricións para participar neste evento ábrense a partir do luns 17 e poden realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra.