Unha delegación da cámara municipal de Funchal visitará proximamente a cidade de Pontevedra para coñecer o seu proceso de transformación urbana. Así o anunciou o seu presidente, Miguel Gouveia, tras a intervención de Anabel Gulías na Semana da Mobilidade que organiza esta rexión portuguesa.
O relatorio de Anabel Gulías na xornada principal desta Semana da Mobilidade foi precedido por unha presentación de Miguel Gouveia, quen aproveitou para louvar todo o que se avanzou en Pontevedra en materia de accesibilidade e mobilidade.
A representante de Pontevedra, encargada de abrir a quenda de intervencións da xornada, fixo un percorrido polos parámetros aplicados na cidade de Pontevedra para acadar a convivencia de formas diversas de mobilidade no espazo urbano.
No debate posterior e a tenor das intervencións do público e dos demais relatores da mesa, puido constarse que os principais focos de atención estaban na replicabilidade do modelo pontevedrés noutras cidades, así como nas medidas de calmado do tráfico e na sensibilización da veciñanza para reducir a cero a cifra de mortos por atropelo.
O moderador da mesa, o profesor da Universidade de Lisboa Joao Figueira de Sousa, fixo especial fincapé na capacidade política do goberno municipal de Pontevedra para acometer a transformación da cidade, valorando moi positivamente a participación veciñal neste proceso.
Antes da celebración da xornada, Anabel Gulías mantivo dous encontros de traballo, un co concelleiro de Mobilidade Urbana e Transportes, Bruno Martins, e o segundo, a primeira hora desta mañá, co presidente da cámara municipal, Miguel Gouveia.
Nestas xuntanzas, os representantes municipais da cidade de Funchal interesáronse por cuestións como o o tempo investido na planificación e execución da transformación urbana ou as reaccións, tanto positivas como negativas, que a transformación urbana produciu entre a veciñanza da cidade.
Interesáronse, ademais, polos proxectos de futuro e principais retos que asume Pontevedra de cara os vindeiros anos. Neste punto, Anabel Gulías informou sobre o modelo de xestión de residuos que se está desenvolvendo, baseado na compostaxe individual e comunitaria, e sobre o modelo de transporte a demanda.