A tramitación urbanística do edificio xudicial está pendente do pago da fianza do proxecto

Pontevedra
10 de xuño 2016

O Servizo de Urbanismo remitiu esta semana á Xunta de Galicia un oficio no que solicita que se informe de cales serán os técnicos directores de obra, que se asuma o compromiso de executar a urbanización e a edificación simultaneamente, e tamén que se abone a fianza do proxecto de 30.000 euros

Edificio xudicial da Parda
Edificio xudicial da Parda /

O Concello de Pontevedra rematou de tramitar a solicitude de licenza urbanística para a construcción dun novo edificio xudicial na Parda, presentada pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Nesta semana rematáronse todos os informes técnicos municipais que son favorables ao proxecto e tamén se recibiu o informe favorable de ADIF para poder pór en marcha o inmoble.

O servizo de Urbanismo remitiu esta semana á Xunta de Galicia un oficio no que solicita que se informe de cales serán os técnicos directores de obra, que se asuma o compromiso de executar a urbanización e a edificación simultaneamente e tamén que se abone a fianza do proxecto de 30.000 euros.

En canto se produzan estas tres notificacións por parte da Xunta de Galicia, o Concello outorgará licenza urbanística logo de ser aprobada en Xunta de Goberno.

Cabe lembrar que o Concello abonou en outubro de 2012 os terreos para a construción do edificio xudicial, unha parcela global de 6.651 metros cadrados por un importe de 1.3 millóns de euros. O Concello defendeu dende ese momento que a Xunta podía facer uso da parcela -xa de propiedade municipal- para licitar o proxecto, pero optou por esperar a pechar todas as tramitacións ante notaría e Rexistro da Propiedade antes de facer uso dos terreos.

Con este último tramite, case catro anos despois da compra do solar, a Xunta estaría en disposición de iniciar os traballos desta instalación tan necesaria para a cidade.