A tradición mariñeira de Soutomaior ten unha cita en Arcade con 'A Recalada'

Soutomaior
09 de agosto 2024

O 17 de agosto o Peirao de Arcade vivirá ao longo de toda a xornada 'A Recalada, encontro do mar', unha cita que nace co obxectivo de realzar o patrimonio marítimo galego facendo fincapé na relación que ten Arcade e Soutomaior co mar

Presentación de 'A Recalada', con Charo Bouzón, Manu Lourenzo, Rosana Comesaña e Diego Moreira
Presentación de 'A Recalada', con Charo Bouzón, Manu Lourenzo, Rosana Comesaña e Diego Moreira /

'A Recalada, un encontro do Mar' é un evento que se desenvolverá ao longo de toda a xornada do sábado 17 de agosto na zona do Peirao de Arcade.

A tradición mariñeira do concello de Soutomaior vén de lonxe, séculos de historia patentes a través dun xeito de vida que, aínda que algo modificado, chega ata os nosos días, e que se pode apreciar, a través da rica gastronomía da zona e da vinculación que a economía local ten co mar.

Tal e como dixo nesta xornada o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, "tradición, música, gastronomía e convivencia forman parte deste evento que pretendemos sexa un atractivo tanto para as xentes locais como para as persoas que nos visiten co fin de coñecer o noso concello e gozar dunha nova experiencia cultural e de lecer".

Durante a xornada haberá actividades moi variadas relacionadas co mar, o turismo sostible, as artes de pesca, a artesanía local, a gastronomía, a música popular nunha ampla programación que contará con navegacións, concertos, exposicións, animación na rúa, artesanía, exposicións, obradoiros e actividades para a cativada e para todas as idades.

Manu Lourenzo destacou que "o Encontro de Embarcacións Tradicionais achega a esta proposta un valor etnográfico que permitirá coñecer diferentes dornas, gamelas, bucetas ou botes que nos acompañarán ao longo de toda a xornada e que realizarán exhibicións de navegación tradicional a vela na contorna das Illas Alvedosas, ao mesmo tempo que poderemos afondar na súa tipoloxía mediante as visitas guiadas realizadas en terra, e así vivir unha experiencia completa case esquecida".

Na xornada do sábado 17 de agosto, coa Recalada, xogará un papel moi importante a colaboración de entidades como Culturmar, o Clube náutico de Arcade, a Confraría de Arcade ou a de colectivos como os de artesanía e comercio local, entre outros moitos; que se están implicando neste evento tan singular.

Dende o concello quixeron agradecer a colaboración de 'As costureiras' de Arcade por confeccionar e animar á veciñanza a levar nese día o traxe típico da xente do mar, e a Marcelo Dobode e Carmen 'A Zoca' por sacar a luz e nestes días elementos históricos vencellados co mar do noso concello.

Para as actividades con inscricións previas, indicadas no programa, o prazo ábrese o luns 12 de agosto ás 9:00 horas e pecharase o xoves 15 ás 14:00 horas. As actividades con inscrición previa son a navegación e degustación a bordo do "Balardo de Santa Cruz"; os paseos en caiac; a iniciación á vela lixeira e tamén haberá 15 prazas para embarcación que desexen inscribirse neste encontro.