Co obxectivo de poñer en valor o mar e as súas xentes, o Concello de Bueu volve organizar por terceiro ano consecutivo a III Semana da Cultura Mariñeira, que se celebrará entre o 11 e o 17 de xullo e que ofrecerá actuacións musicais, obradoiros de arte mariñeira, verbenas, espectáculos variados e, sobre todo, as tradicionais festas do Carme e das Dores, coa procesión marítima e o espectáculo pirotécnico.
A Sala Multiusos do Centro Social do Mar acolleu este venres, 8 de xullo, a presentación completa do programa, no que participan varios colectivos da vila na que é “a nosa semana grande e con actividades moi diversas, das que podemos gozar todas as persoas”, en palabras do alcalde Félix Juncal.
O Concello poñerá a disposición da veciñanza un catamarán con 250 prazas para que as persoas empadroadas na vila que o desexen poidan participar e gozar da procesión mariñeira que terá lugar o 16 de xullo, festividade do Carme, con saída ás 18.30 dende a zona da lonxa, onde previamente se desenvolverá a misa.
O Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo acollerá do 11 ao 15 de xullo o obradoiro “Marearte”, que será impartido polo artista local Tino Resille e no que nenos e nenas a partir de 7 anos gozarán da simbiose entre o mar e a arte a través de distintas actividades, que lle darán unha nova vida aos refugallos das praias para convertelos en obxectos artísticos e cos que se artellará unha exposición.
A actividade terá horario de 10 a 13 horas, e as inscricións deberán facerse no correo cultura@concellodebueu.gal.
O 12 de xullo, o exterior do Centro Social do Mar acollerá o espectáculo “Ikigai” de SU.MA; o 13, a proxección do filme “Buscando a Dori” na Praza Massó; o 14, Rilo & Penadique sorprenderán ao público coa obra “Asdomare”; e o 15 de xullo, La Quinkillada actuará no exterior do Centro Social do Mar.
O 14 de xullo, ás 17.00 e 18.00 horas proporanse dúas saídas de navegacións tradicionais coa Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, para o que se require de inscrición previa.
Continuarán os actos ao día seguinte no tradicional concerto de corais “O son do Mar”, que se celebrará no Centro Social do Mar e no que participarán o Orfeón de Moaña, a Coral Polifónica Vagalume de Oia e a anfitrioa, a Coral Polifónica de Bueu. Este evento recupérase tras a pandemia e segundo destacou a presidenta Rosario Álvarez, “é moi especial porque hai catro meses retomamos os ensaios e foi complexo e emocionante á vez”.
Xuntando deporte, concienciación medioambiental e cultura mariñeira, o 16 de xullo celebrarase a XII Travesía a Nado Udra - Pescadoira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello, e coa que se pretende concienciar sobre a necesidade da rexeneración do areal urbano de Pescadoira. Como xa é habitual, haberá tres saídas con diversas distancias: unha dende Ancoradouro con 7500 metros, outra dende Mourisca con 4000 metros, e a última dende Beluso con 1500.
Ese mesmo día, no Campo da Estacada celebrarase o Campionato de Drons Bueu GP 200, promovido polo Aero Dron Club Bueu e no que haberá exhibicións e competicións de drons que acollen a moitas persoas do territorio nacional.
A fin de semana o 16 e 17 de xullo será a que acollerá máis eventos, pois son os días grandes das festas do Carme e das Dores. As atraccións estarán instaladas do 15 ao 17 de xullo na zona das Lagoas. Neste sentido, Leal tamén apelou á paciencia cidadá, pois dende o luns 11 ás 14 horas e ata o luns 18 ás 22 horas, quedará prohibido o estacionamento de vehículos.
O 16 de xullo, haberá misa na Igrexa Parroquial de San Martiño con posterior procesión ata a lonxa na compañía da Banda de Gaitas Manxadoria e a Banda de Tambores. Xa pola tarde, os oficios relixiosos serán na lonxa a partir das seis e, segundo avanzou José Manuel Rosas, patrón maior da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, estará a imaxe principal da Virxe do Carme e outra talla de porcelana.
Pola noite, o exterior do Centro Social do Mar acollerá a verbena coa orquestra leonesa Ipanema, que se dividirá en dous pases polo espectáculo de pirotecnia dende a praia da Banda do Río.
Ao día seguinte, coincidindo coa festividade das Dores, ás 11.00 horas actuará a charanga “A cabesa non para”, e a continuación terán lugar os oficios relixiosos na igrexa parroquial. Como peche de verbena e de semana, o Musigal da Deputación de Pontevedra fai posible a actuación de Guadi Galego no exterior do Centro Social do Mar.