Á terceira irá a vencida?

Pontevedra
03 de marzo 2015

O mércores día 4 de marzo durante toda a xornada, realizaranse obras de reposición de capa de rodadura na intersección das rúas Benito Corbal con Daniel de la Sota. Esta intersección foi obxecto de tres intentos fallidos de instalar un pavimento axeitado

Pavimento que se colocou no cruzamento entre Benito Corbal e Daniel de la Sota
Pavimento que se colocou no cruzamento entre Benito Corbal e Daniel de la Sota / PontevedraViva

O mércores día 4 de marzo, durante toda a xornada, realizaranse obras de reposición de capa de rodadura na intersección das rúas Benito Corbal con Daniel de la Sota.

Por todo iso, restrinxirase o acceso ás rúas Castelao e Daniel de la Sota dende a intersección de Sagasta con Cruz Gallástegui. Colocárase sinalización circunstancial de restrición de acceso garantindo o acceso a garaxes e servizos (Hospital, carga e descarga, etc).

Esta intersección foi obxecto de dous intentos fallidos de instalar un pavimento axeitado.

Despois da peonalización desta rúa probáronse diferentes alternativas a cada cual máis desastrosa. O goberno local pretende dar a esta enclave un tratamento diferenciado para destacar a prioridade dos peóns sobre os vehículos neste punto tan concorrido.

Este espazo será pintado de granate

Os traballos consistirán no fresado deste cruzamento e reparar o espazo aplicando asfalto que posteriormente será pintado de granate. Ademais, a súa preferencia peonil irá indicada no chan cunha sinalización de zona residencial.

Debido a que o resultado da anterior reparación non foi a esperada polo Concello, a empresa volverá a reparar a zona a cargo do custe da anterior intervención, que aínda non está abonada.