Os maiores usuarios de centros sociosanitarios e residencias da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que o desexan xa teñen a terceira dose da vacina contra a covid-19. Son, en total, 1.292.
Así o deu a coñecer este mércores a Consellería de Sanidade, que sinalou que xa rematou a administración das terceiras doses da vacina no conxunto de centros sociosanitarios pertencentes ás áreas de Santiago de Compostela-Barbanza, Ferrol, Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Vigo e Pontevedra e O Salnés.
A vacinación da terceira dose completouse na área pontevedresa nunha soa semana. Así, o proceso comezou na residencia de Campolongo o pasado mércores 22 de setembro e este mércores 29 deuse por rematada despois de administrar 1.292 doses.
Por outra banda, a área sanitaria pontevedresa tamén facilitou este mércores os datos sobre a situación da vacinación, dos que se desprende que o 93,38% da poboación da área sanitaria maior de 12 anos ten algunha dose da vacina e o 91,23% ten a pauta completa.
Segundo os datos oficiais, un total de 256.359 persoas teñen algunha dose. En total, subministráronse 479.387 doses na área sanitaria.
A pauta completa xa a teñen 256.359 persoas e a primeira dose nada máis, 5.914, o 2,15% da poboación pontevedresa en idade de vacinarse.