A tendencia á alza nos ingresos por covid mantense na área sanitaria con 24 hospitalizados

Pontevedra
21 de xullo 2021

Por cuarta xornada consecutiva a cifra de hospitalizados por coronavirus na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés sofre un incremento, con tres pacientes máis en planta que o martes. Os casos activos suman xa 2.258 tras detectarse 195 contaxios

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

Lentamente, sobre todo pola protección que supón a importante porcentaxe de vacinados, pero as hospitalizacións na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés manteñen unha tendencia á alza.

Por cuarta xornada consecutiva o número de ingresos hospitalarios incrementouse, segundo reflicte o balance diario ofrecido este mércores 21 de xullo polo Servizo Galego de Sáude. Así, 24 persoas infectadas por coronavirus evolucionan nos hospitais da comarca, o que supón tres máis que o martes. Deles 19 atópanse en planta entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (17), o Hospital do Salnés (1) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (1), mentres que 5 permanecen na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo (sen cambios).

Estas cifras acompáñanse dunha nova xornada cun alto nivel de contaxios, ao sumarse nas últimas horas un total de 195 novos positivos. Esa positividade unido a que só se produciron 38 altas epidemiolóxicas fai que os casos activos se disparen ata os 2.258 (157 máis).

Desde o inicio da pandemia superaron o virus na área sanitaria 14.783 persoas, rexistrándose 181 falecementos de pacientes con positivo activo.

Nas últimas 24 horas o Sergas realizou en Pontevedra e O Salnés 1.234 probas PCR.