A subministración de gas natural do Gran Montecelo xa está en funcionamento

Pontevedra
30 de abril 2022

O gasoducto discorre polos terreos da ampliación e dotará ao edificio hospitalario e a 150 puntos do barrio de Monte Porreiro do subministro, polo que, segundo a Xunta de Galicia, "foi necesario desprazar a rede co fin de evitar cortes e non alterar o ritmo de construción"

Obras de instalación do subministro de gas natural do Gran Montecelo
Obras de instalación do subministro de gas natural do Gran Montecelo

Xa está en funcionamento a rede de subministración de gas natural do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa execución e ampliación avanza "ao ritmo previsto" e vén de completar unha das súas "principais actuacións".

O gasoducto discorre polos terreos da ampliación e dotará ao edificio hospitalario e a 150 puntos do barrio de Monte Porreiro do subministro, polo que, segundo a Xunta de Galicia, "foi necesario desprazar a rede co fin de evitar cortes e non alterar o ritmo de construción".

Para levalo a cabo, desprazaron dúas canalizacións, unha delas de alta presión, que se puxo en servizo o pasado 20 de abril, e a outra de media presión, que funciona desde o día 27. Para a primeira delas soterraron un tramo de 490 metros de tubaxe e para a segunda, de 500 metros. En total case un quilómetro de novas redes de distribución.

A primeira destas tubaxes é a encargada de dotar de gas natural ao actual edificio hospitalario e ao barrio de Monte Porreiro, mentres que a de media presión dará servizo directo aos novos edificios que forman o novo hospital e aos inmobles próximos. 

Finalmente, para o desprazamento do gasoduto realizaron unha obra singular, xa que as dúas novas redes non se instalaron baixo unha vía pública, senón que se despregaron baixo a zona sen edificar do novo complexo.

Arquivado en