A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, comprometeu co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, a trasladar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana os diferentes problemas de seguridade viaria que presenta a estrada N-640 ao seu paso pola localidade.
Larriba asumiu este compromiso este luns nunha reunión con Manuel Campos para revisar diferentes aspectos relacionados coa seguridade viaria e cidadá do municipio. Durante o encontro, o alcalde expuxo ante a subdelegada os diferentes problemas que afectan a esta vía.
O alcalde e a subdelegada acordaron tamén convocar á maior brevidade unha Xunta Local de Seguridade para revisar os datos de seguridade cidadá do municipio. Neste sentido, Larriba avanzou que as cifras de infraccións penais no concello "son boas" e subliñou a excelente colaboración entre a Policía Local de Cuntis e a Garda Civil.
Así, sinalou que os dous corpos realizan "un traballo conxunto que redunda nun mellor servizo e seguridade públicas".
Larriba lembrou a todos os concellos da provincia que a Subdelegación "ten as súas portas abertas" e ela está a disposición de todos os alcaldes e alcaldesas da provincia "para escoitar as súas demandas e transmitirllas ao Goberno central".