A suar por unha boa causa

Pontevedra
10 de decembro 2014

O Pavillón Universitario acolle o vindeiro xoves 18 o XII Maratón de Zumba Solidario. Pídese ás persoas participantes que acheguen un quilo de alimentos para doalos a un comedor social

Maratón de Zumba
Maratón de Zumba

Os beneficios que supón para a saúde o exercicio físico e o feito de que este teña como propósito contribuír a unha boa causa fai que sexan dobres os motivos para acudir ao XII Maratón de Zumba Solidario que o vindeiro xoves 18 se desenvolverá no Pavillón Universitario do campus.

Non en van, o obxectivo desta iniciativa aberta a toda a cidadanía e promovida pola Vicerreitoría do campus e o Servizo de Deportes da Universidade é o de contribuír ao labor que levan a cabo no comedor dos Pais Franciscanos de Pontevedra, e por iso a única ⿿entrada⿝ que terán que pagar aquelas persoas que queiran gozar de dúas horas de exercicio será a dun quilo de alimentos non perecedoiros.

Entre as 20.00 e as 22.00 horas, unha serie de monitores, que colaboran tamén como voluntarios nesta iniciativa, convidarán a todas aquelas persoas que se acheguen ao pavillón a moverse ao ritmo das diferentes coreografías dunha disciplina que combina os movementos aeróbicos cos pasos de baile.

Trátase, como destaca Gustavo Loureiro, responsable do Servizo de Deportes no campus, dunha actividade aberta ⿿a persoas de todas as idades, na que a participación é totalmente voluntaria⿝.

De feito, tanto poden acudir un rato como pasar as dúas horas facendo exercicio, posto que ⿿aínda que a idea é contribuír a que a xente faga deporte, do que se trata realmente é de achegar alimentos ao comedor⿝, destaca Loureiro. De aí que o quilo de alimentos que se pide ás persoas interesadas en participar sexa só unha cota mínima, xa que calquera pode achegar tantos produtos como queira a esta iniciativa, quede ou non ao maratón.