A alegría desbordouse no Grove e Cambados. Non é para menos. Foron dúas das localidades galegas máis afortunadas no sorteo extraordinario de Nadal da Lotería Nacional. Nunha caeu o Gordo e na outra un cuarto premio que repartiu algo máis de dous millóns.
Apenas un ano despois de repartir medio millón de euros do terceiro premio, a administración de loterías número 2 do Grove volveu a repartir un premio millonario. Ata dez décimos, unha serie enteira, do Gordo que este ano recaeu no número 72897.
"Chamoume o meu pai dicindo que nos tocara e díxenlle que ese número non o tiñamos", relata Alexia Casás, unha das afortunadas cun décimo que lle reportará 400.000 euros. Porque si, si era o número que xogaban. "Díxome que o mirase ben e tiña razón", engade.
Foi un décimo comprado a última hora, hai apenas uns días. O seu pai quería xogalo a medias cun compañeiro de traballo. Esa corazonada é a que lles deu sorte.
Para esta familia este premio chega tras un ano especialmente difícil. A nai de Alexia estivo "moi malita" pola covid-19 e estivo na UCI un tempo. Ela e o seu pai tamén se contaxiaron pero sen síntomas. "Despois do ano que pasamos é unha alegría", recoñece.
"Estamos que non nolo cremos", sinalaba Paola Suárez, que xa recuperada da covid-19 quixo achegarse ata a administración. Estivo ingresada a mediados de outubro e o diñeiro serviralle ademais para mellorar a súa situación laboral, xa que traballa nun sector turístico que estivo "moi parado.
Manuel Rodríguez, que rexenta esta administración, non puido ocultar a emoción que sente por repartir tanto diñeiro "nun ano tan difícil". Para el, asegura, "é unha especie de recompensa" ao que viviu O Grove pola pandemia.
"Isto dá vida a todo o pobo. Tocárache ou non", asegura Rodríguez, que celebrou o Gordo ás portas do seu establecemento, acompañado de amigos e dalgúns gañadores, cos que se bañou en champán.
CUARTO PREMIO EN CAMBADOS
Un cuarto premio, o número 75981, é o que reportou a Cambados ata 2,4 millóns de euros en premios. Os décimos gañadores vendéronse na administración de lotería da praza de abastos da localidade.
Nun principio os seus responsables pensaron que despacharan 60 series do número premiado, é dicir 600 décimos. Pero ao comprobalo viron que se realizaron moitas devolucións. Os que se saíron por portelo foron 120 décimos.
Cada un deles está premiado con 20.000 euros.
"Agora mesmo estou no aire", explicou Xoán da Cruz, responsable desta administración, tras coñecer que dera o premio. "Sempre é un pracer dalos, pero moito máis nun ano como o que padecemos".
El está convencido que todo o diñeiro da lotería repartirase entre os veciños de Cambados. "Entendo que os décimos quedaron por aquí", engadiu, ante a ausencia de turistas.
O máis rechamante que esta administración está na praza de abastos, pero os praceiros do municipio non xogaban a este número, senón a outro. A sorte pasoulles por diante dos narices.