"A sociedade civil en Galicia é débil, pouco estruturada, dependente do poder e isto limita as capacidades de actuación"

Pontevedra
26 de xuño 2016

Xulio Ríos, ensaísta especializado en política internacional, director e fundador do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), repasa a actividade desta entidade con motivo do se 25 aniversario e adianta a celebración en Pontevedra do primeiro Congreso de Estudos Internacionais de Galicia os días 28 e 29 de xuño

Xulio Ríos Paredes, director e fundador do IGADI
Xulio Ríos Paredes, director e fundador do IGADI / Mónica Patxot
Resumo dos 25 anos de actividade do IGADI /

Xulio Ríos Paredes (Moaña, 1958) é ademais de ensaísta especializado en política internacional director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) dende a súa fundación en 1991. Con motivo do seu 25 aniversario, fai un repaso á actividade deste entidade e de outras dúas xurdidas do mesmo xérmolo, a Fundación Plácido Castro e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, todas ellas asentadas no Centro Social Sur de Pontevedra desde finais de 2015. Aproveitando a súa presenza física en Pontevedra, márcanse como reto "que a Universidade e o Igadi se poidan retroalimentar e tratar de abrir un espazo de traballo, reflexión e investigación sobre temas internacionais en Pontevedra". 

O 28 e 29 de xuño celébrase o primeiro Congreso de Estudos Internacionais de Galicia. Coincide co 25 aniversario da creación do Igadi. Por que esperar tantos anos para organizar esta primeira edición?
Ao longo deses 25 anos temos traballado en distintos ámbitos na paradiplomacia, na acción exterior de Galicia e consideramos que o feito dos 25 anos era un momento interesante para propiciar esa reflexión e, sobre todo, para chamar a atención sobre a importancia de ter unha acción exterior propia. Creo que tamén ao longo destes 25 anos logramos xerar un mínimo de masa crítica a nivel académico e investigador para que un debate destas características teña sentido. O que queremos é reunir a actores galegos dende o ámbito da cultura, da empresa, institucional, social para que reflexionen en conxunto sobre cal é a posición de Galicia como autonomía no mundo e cales poden ser as liñas de acción para o futuro. 

Celébrase en Pontevedra. Por que escolleron esta localidade?
Porque estamos aquí e porque establecemos un ámbito de colaboración coa Universidade para tratar de fomentar actividades de ámbito académico. Queremos que a Universidade e o Igadi se poidan retroalimentar e tratar de abrir un espazo de traballo, reflexión e investigación sobre temas internacionais aquí en Pontevedra. Tamén temos boa relacións coa Universidade de Santiago, pero gustaríanos focalizar, aproveitando que estamos aquí, as relacións sobre todo coas entidades máis proximas, a Deputación, o Concello, a Universidade... para tratar de establecer ámbitos de cooperación que nos permitan establecer actividades de interese común.

25 anos xa dende a creación do Igadi. Se bota a vista atrás, que ve?
Vexo sobre todo moita ilusión, empeño, compromiso por tirar adiante por un proxecto. Aquel foi un momento histórico importante porque coincidiu coa disolución da Unión Soviética e, polo tanto, co inicio dunha nova etapa no mundo, dun novo sistema internacional e creo que nós soubemos captar  a importancia desa inflexión histórica e nos posicionamos claramente para tratar de interpretar o que estaba acontecendo e pensar en que medida Galicia podía beneficiarse desa nova situación internacional. O nacemento está moi vencellado a esa doble dimensión, ao que pasa no mundo e á posibilidade de que Galicia teña opinión sobre o que está a pasar. 

Os obxectivos do Igadi son que Galicia teña opinión e que se escoite fóra de aquí. Pensa que se ten conseguido?
Son procesos que non son lineais. Indubidablemente gañamos terreo nestes 25 anos. Entre outras cousas, porque estamos máis presentes en Europa e Europa abriu o campo de xogo para a presencia exterior das autonomías. Probablemente tamén podiamos facer moito máis noutros campos, pero iso depende moitas veces da vontade política e da propia capacidade da sociedade civil e a sociedade civil en Galicia é bastante débil, pouco estruturada, demasiado dependente do poder e isto limita as capacidades de actuación. 

"O momento máis complicado foi a experiencia de San  Simón. Ahí a irresponsabilidade da Administración autonómica é absoluto"

Por qué considera que Galicia ten unha sociedade civil tan débil?
As razóns poden ser moitas, pero creo que ten moito que ver co pouco valor que lle concedemos á independencia. Para a sociedade civil unha clave fundamental é a independencia e manterse aí de maneira firme e iso crea dificultades nunha sociedade que está pouco vertebrada. Existen sociedades moito máis avanzadas nese sentido porque hay unha sociedade civil que se autoorganiza cada vez máis e é capaz de xerar iniciativas propias con ou sen o apoio do poder. Ese proceso aquí é moito máis difícil. Primeiro, porque é unha sociedade con menos recursos, pero tamén porque existe na propia sociedade a mentalidade de que necesitas do poder e no propio poder a mentalidade de que todo o que nace da sociedade civil debe ser dalgunha forma ocupado, instrumentalizado.

Como sobreviviu o Igadi estes 25 anos á marxe do poder?
 Hai momentos máis felices, momentos menos felicies pero se sobrevive fundamentalemnte co compromiso das persoas que participamos do proxecto. Sen ese compromiso e mesmo sen unha certa dose de voluntarismo o proxecto hoxe sería moi difícil de soster.

Houbo nestes 25 anos supoño que luces, pero moitas sombras. Cales foron os momentos máis complicados?
Houbo momentos complicados relacionados fundamentalmente coa loxística interna porque nacemos nun proxecto moi modesto e con moito compromiso persoal e nalgún momento determinado implicámonos en proxectos máis ambiciosos onde houbo despois unha ausencia  de corresponsabilidade por parte da administración. Creo que o momento máis complicado foi sen dúbida a experiencia de San  Simón. Foi unha experiencia nefasta que puxo en perigo a propia supervivencia do Igadi e aí a responsabilidade ou irresponsabilidade da Administación autonómica é absoluta. Non se lle pode decir a unha organicación cedémosche un espacio e, á volta dun ano e pico, ese espazo cerrámolo. Un espazo tan complicado como é unha illa. Noutros aspectos, sempre fomos bastantes realistas á hora de interpretar o momento, de saber con quen podemos contar. Si botamos en falta coherencia e perseverancia nos nosos aliados, sobre todo no ámbito das administracións públicas. A pesar de que se recoñece que o ámbito exterior é un  ámbito importante e que Galicia, as nosas empresas, a nosa cultura teñen que estar no mundo e, polo tanto, debemos desenvolver unha acción exterior específica para desenvolver eses retos, hai moita palabrería e pouco contido e, sobre todo, moi pouca perseverancia. En todas as formacións políticas atopamos persoas sensibles e persoas que non teñen a suficiente comprensión do momento que vive Galicia, Europa e o mundo.

Dende fóra chama a atención que toda a documentación que tedes non conte cun edificio propio e estivera trasteando de San Simón a Baiona e agora a Pontevedra. Iso ten precedentes noutros países?
Non sei. Eu opodo falar do noso O que si é verdade é que  normalmente este tipo de entidades teñen un mínimo apoio loxístico das institucións públicas, pero estes anos son  difíciles para todos. O Igadi ten unha singularidade moi grande nas experiencias similares máis ou menos próximas. Primeiro, por esa combinación de reflexión e xestión. Segundo, pola combinación de observación ou análise das tendencias internacionais, pero tamén polo ámbito da súa aposta paradiplomática. Unha revista como Tempo Exterior é, dentro das publicacións de estudos internacionais que hai no Estado, a única nunha lingua periférica. E che podo asegurar que apenas conta con apoio das institucións. Esas cousas, en vez de poñelas en valor, aquí son case caprichos, excentricidades de alguén ou dalgunha institución. O que nos pasa como sociedade é que non valoramos o que temos. Ten que ver cos recursos que tes, que son limitados, pero tamén con que a sociedade fai pouco para poñer en valor as cousas positivas que hai no seu entorno.  

"Eu escribo en inglés ou en chinés, pero que no meu propio país non poida escribir en galego sobre temas internacionais paréceme incríble"

Quizáis é pouco coñecida. A nivel máis específico é diferente, pero cre que a sociedade coñece o Igadi e o que fai día a día?
Non, probablemente non. Nin ao mellor ten por que coñecelo. Ten un ámbito de actuación moi especializado e un espazo público que tampouco é maioritario. O Igadi non é un equipo de futbol. O que si lamentamos é que nos medios de comunicación en Galicia, á hora de interpretar un conflicto, se bote man de recursos de fóra e non dos de aquí. E non só iso, senón que moitas veces se queren os recursos de aquí porque son gratuitos, pero cando son de fóra, se pagan. Iso o que demostra é a pouca estima, a pouca valoración do propio. Ou se eu quero escribir unha columna en Galicia nalgún medio importante en galego non podo. Iso pasa aínda agora. As persoas que escriben sobre temas internacionais escriben en castelán, mesmo persoas que escriben habitualmente en galego, fano en castelán para tratar temas internacionais na prensa galega. Eu escribo en inglés ou en chinés, pero que no meu propio país non poida escribir en galego sobre temas internacionais paréceme incríble. 

Non teñen en ocasións a sensación de que o traballo do Igadi se valora máis no exterior que en Galicia?
Iso sen dúbida. O constatamos cada vez que traemos a alguén por aquí ou que participamos nalgunha actividade internacional. Só co feito que nós poidamos ser a ponte entre determinadas institucións de América Latina, de Europa, de Asia... dá idea de que tes unha posición adquirida como froito do traballo deses 25 anos. Iso non se corresponde co nivel de complicidade que podes acadar en Galicia.  

E, pese a non valorarse a opinión que se poida dar dende Galicia sobre conflictos internacionais, cre que situacións como, por exemplo, a crise dos refuxiados, se ven distintas dende aquí? 
Eu creo que o feito de ser un pobo de emigrantes dános unha sensibilidade especial para entender determinadas cousas, do mesmo xeito que o feito de ser galegos e ser dunha  nacionalidade minoritaria e ter unha lingua como a que temos nos fai especialmente sensibles para enteder o problema dos tibetanos ou dos kurdos. Da mesma maneira que a túa propia situación social ou o feito de ser muller fai que teñas unha perspectiva especial nos temas de xénero. Non é comprensible que custe tanto entender que nós, polo feito de ter unha lingua e unha cultura determinada, podemos ser especialmente útiles para Madrid para aproximarse a realidades como Brasil ou Portugal. Cousa que sí fan os chinos, por exemplo. En Macao crearon un foro de cooperación con todos os países de expresión portuguesa do mundo. Non o fan con Pekín, fano con Macao, onde o portugués é lingua oficial porque  foi colonia portuguesa. Iso nós explicámolo en Madrid, que Galicia pode ser a ponte ideal de España para a relación con Brasil, Angola ou Mozambique e en Madrid non se entende. É máis, poñen trabas para que ese proceso se desenvolva. 

Arquivado en