A sexta onda segue sen control, con 619 novos positivos e oito hospitalizados máis nunha xornada

Pontevedra
10 de xaneiro 2022

Este luns, con datos das seis da tarde do domingo, hai 7.929 casos activos na área sanitaria, 240 máis que o día anterior. A peor situación dáse nos hospitais, con 62 pacientes sete na unidade de coidados críticos de Montecelo e 55 en planta de hospitalización

Vacinacion contra a covid-19
Vacinacion contra a covid-19 / Mónica Patxot

A última xornada confirma que a expansión da covid-19 continúa sen control nesta sexta onda na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O último balance oficial do Sergas confirma que se detectaron 619 novos positivos e hai oito pacientes hospitalizados, ademais de reportarse a morte dunha persoa ingresada en Montecelo

Este luns, con datos das seis da tarde do domingo, hai 7.929 casos activos na área sanitaria, 240 máis que o día anterior, e destaca tamén o elevado número de altas epidemiolóxicas, 379, que contrarrestan o aumento de casos activos que supoñería detectar 619 novos positivos. 

A peor situación dáse nos hospitais, con oito pacientes ingresados máis que o domingo. Hai 62 fronte aos 54 da xornada anterior. Son sete na unidade de coidados críticos de Montecelo, un menos, e 55 en planta de hospitalización. 

En planta de hospitalización convencional hai oito máis que o día anterior, 43 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 4 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 8 no Hospital do Salnés. Notouse o incremento, en especial, no CHOP, que pasou de 35 a 43 pacientes en planta

Ademais, outros 7.867 casos sen síntomas ou con síntomas leves atópanse en corentena no seu domicilio.

Desde o inicio da pandemia, curáronse 26.295 pacientes e faleceron 235, sendo o último un home de 90 anos ingresado en Montecelo que presentaba patoloxías previas.

En canto a realización de probas diagnósticas, nas últimas 24 horas fixéronse 651 PCR, que elevan a 373.475 as xa efectuadas; e 884 test de antíxenos, que sitúan en 192.762 o total dos xa realizados.