A Audiencia Provincial de Pontevedra deberá emitir unha nova sentenza sobre o caso do profesor de matemáticas dunha academia da cidade condenado por bicar varias veces na boca a unha alumna de 15 anos sen o seu consentimento, pero absolto na mesma sentenza dun delito de agresión sexual sobre unha segunda alumna.
Un recurso levou o caso ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e a Sala do Civil e Penal decidiu anular esa sentenza e devolver as actuacións ao tribunal pontevedrés "para que valore debidamente a proba omitida e dite unha nova sentenza".
A sección cuarta da Audiencia condenouno por un delito continuado de agresión sexual a dous anos de prisión e outros dous de inhabilitación para o exercicio da profesión de profesor e absolveuno polo outro delito aplicando o principio in dubio pro reo, indicando que "a única proba de cargo que presentou a acusación foi a declaración da propia afectada, a cal se presenta como pouco precisa, e fronte á declaración exculpatoria do acusado, aquela atópase orfa de toda corroboración a través datos obxectivos que a apoien".
Esa afirmación da falta de probas non convence ao TSXG, que considera que "como se puxo de manifesto, tanto pola acusación particular como polo Ministerio Fiscal nos seus escritos de recurso, no plenario produciuse a proba dunha testifical que foi moi clara".
O TSXG considera que esa testemuña "na súa resposta cando foi preguntada por se vira algunha vez ao acusado bicar na boca a algunha alumna na súa presenza, contestou en sentido afirmativo, en tanto que a denunciante e ela mesma foran bicadas por aquel".
Os maxistrados do alto tribunal galego conclúen que, "con claridade, produciuse, pois, ‘a omisión de todo razoamento sobre algunha ou algunhas das probas practicadas que puidesen ter relevancia ou cuxa nulidade fose improcedentemente declarada’, pois non hai na sentenza de instancia, que absolve en virtude do principio in dubio pro reo, nin unha soa referencia a esa testifical, que, en principio, parece ter relevancia, xa non só como elemento de corroboración, senón como proba testifical directa".
A motivación da sentenza da Audiencia "non cumpre coas esixencias constitucionais" e "provoca efectiva indefensión ás acusacións", por iso é polo que pide que a Audiencia revise de novo o caso.
O tribunal explica que "non prexulga nin considera que a valoración probatoria debese conducir á condena, senón que a valoración probatoria debese tomar en consideración a totalidade das probas practicadas, por máis que o resultado final puidese ser o mesmo".