Internámonos no local que a Confraría do Noso Pai Xesús coa Cruz ás Costas posúe na contorna da Basílica de Santa María, onde se almacenan e preparan todos os elementos que procesionarán nesta Semana Santa.
Este baixo atópase nunha localización que só coñecen os confrades. O acceso realízase a través dunha porta que adoita ter a persiana metálica botada. Unha vez levantada, só resta franquear un último portalón para descubrir a incesante actividade que se leva a cabo nos días previos á Semana Santa.
Recíbenos José Luis Ageitos Míguez, o vicepresidente da Confraría, co impresionante trono procesional ao fondo. "É o segundo trono que fixo a confraría, obra de 1970 dos irmáns Rivas de Santiago de Compostela", explica. A estrutura prepárase para as procesións de Xoves e Venres Santo, onde lucirá con todos os seus elementos, como os "faldóns que pechan todo o perímetro exterior e os tres escudos que van nos tres frontes representando aos tres exércitos: terra, mar e aviación", sinala Ageitos. A ornamentación complétase coas flores, que este venres eran recibidas na sede da Confraría e que o luns empezarán a colocarse sobre o trono.
Nos días previos á Semana Santa, esta Casa de Irmandade transfórmase nun gran vestidor. "Excepto a imaxe de Xesús coa Cruz ás Costas e a cruz guía da Confraría, o resto de pezas e os traxes estarían gardados o resto do ano", apunta o vicepresidente mentres nos guía ata unha habitación que "sería, por así dicilo, a capeliña da Confraría, porque é onde están todos os seus elementos distintivos, agora mesmo, todos montados e dispostos para a Semana Santa".
Entre estes elementos, José Luis Ageitos destaca os dous novos estandartes que procesionarán coincidindo co 75 aniversario da Confraría. "Hai un ano pensamos, xa que temos dous guións da paixón e a morte, por que non facer dous novos estandartes". A tarefa prolongouse no tempo, de modo que foi o pasado mércores cando se remataban de confeccionar. "Empezamos a traballar neles ao termo da Semana Santa do ano pasado, cando houbo que encargar nunha empresa de Madrid, Santarrufina, os escudos bordados". Teas de damasco, dobras e pasamanería completan un conxunto cargado de significado.
Cada estandarte simboliza un momento diferente. "Sairá en procesión o Xoves Santo pola noite e o Venres Santo pola mañá no Encontro o vermello paixón; e o Venres Santo pola tarde, a morte, o negro, o loito", engade.
Estas procesións estarán protagonizadas, as dúas primeiras, polas imaxes de Xesús coa Cruz ás Costas, a titular da Confraría, e o Cristo Xacente, que sairá na tarde do Venres Santo.
Esta última imaxe atópase exposta todo o ano no Convento de San Francisco, "o Xoves Santo ímolo recoller pola mañá e o sábado pola mañá regresa á súa casa". No caso da imaxe de Xesús coa Cruz ás Costas, esta permanece na Casa de Irmandade todo o ano. Aos confrades gustaríalles que estivese exposta pero, despois da restauración integral que lle tiveron que realizar en 2002, ao non ofrecerlles a parroquia de Santa María un lugar protexido, decidiron tela recollida ata a Semana Santa.
A imaxe titular da Confraría convive estes días con ringleiras de colgadoiros dos que penden os hábitos, perfectamente colocados en perchas identificadas cos nomes de cada confrade. "Tanto os confrades da banda como os da escolta do trono van a cara descuberta, o resto de confrades van todos a cara tapada co caparucho", ilústranos o vicepresidente da Confraría. Descolga unha percha e debulla as partes do hábito: "o saión de cor marfil, a faixa de raso negro, capa de raso vermello e ao pescozo unha lechuguilla en tea de organdí".
A Confraría do noso Pai Xesús coa Cruz ás Costas está formada por ao redor de 150 membros, dos que unha parte contribúe economicamente pero non participa nas procesións, os chamados confrades protectores. Os que si procesionan repártense "entre confrades de filas, banda, escolta do trono, confrades do trono, confrades infantís, etcétera, movémonos ao redor dos 120 confrades en procesión", apostila o vicepresidente.
Os confrades de filas levan o caparucho e portan un dos 90 farois que atesouran na sede da Confraría e cuxa luz, a base de velas de cera líquida, acompañará o paso das procesións.
Na Casa de Irmandade tamén están depositados os instrumentos da banda. Óscar Pazos, o coordinador da mesma, puntualiza que os instrumentos son propiedade dos compoñentes menos a percusión, que é a que se garda no local da Confraría.
A banda da Confraría foi a primeira en incorporar as liras xilófonos e o tambor escocés
A banda orixinal, herdeira da agrupación da Brilat, estaba composta de tambores, gaitas e cornetas. Co tempo, foise innovando ao incorporar outros instrumentos como o saxofón, o tambor escocés de alta tensión ou as liras xilófono, entre outros. "Fomos innovadores nunha chea de cousas. As liras xilófonos fomos a primeira banda en introducilas a mediados dos anos 90, e tamén fomos os primeiros entre as confrarías que incorporamos o tambor escocés, que non é habitual", anota Pazos.
O cambio de sonoridade tamén veu acompañado dunha adaptación dos temas que interpretan os 42 músicos que saen en procesión. "Sacamos entre 14 ou 15 cancións cada ano e sempre procuramos que haxa algunha variación. A inspiración principal é Andalucía, pero, por exemplo, o son das nosas cornetas é dunha tonalidade diferente porque as adaptamos ás gaitas", matiza o músico.
A pesar de que os ensaios da banda comezan a principios do mes de novembro, "o meu traballo é case todo o ano", puntualiza o coordinador. "Pasadas as procesións, repóñense as deterioracións que houbese, e hai pezas que hai que pedilas con antelación de meses. Ata xuño estamos a repoñer o material".
"As procesións preparámolas cun ano de antelación"
Esta mesma dinámica de traballo é a que segue José Luis Ageitos. Unha vez que remata a Semana Santa, faise inventario do material e de todas aquelas pezas que haxa que repoñer ou arranxar, e organízanse os pedidos necesarios. "As procesións preparámolas cun ano de antelación".
A pesar dos meses de preparación, hai unha circunstancia que podería frustrar a saída da Confraría do Noso Pai Xesús coa Cruz ás Costas en procesión. A previsión meteorolóxica avanza borrascas para os días santos. O vicepresidente leva semanas seguindo aplicacións do tempo que non variaron o seu prognóstico conforme se achegan as datas. Lamenta conmemorar así o 75 aniversario pero "o importante é garantir a integridade das imaxes e dos confrades". Toda unha declaración de principios que mostra a vertente máis humana desta histórica confraría pontevedresa.