A semana grande da Peregrina xa está aquí!

Pontevedra
08 de agosto 2020

O inicio da semana grande das festas de verano de Pontevedra darán comezo este sábado 8 de agosto ás 12:00 horas co pregón do chef pontevedrés estrella Michelín Pepe Solla e pola noite será a tirada 'sorpresa' dos fogos de artificio

Actuación de Maravallada
Actuación de Maravallada / Cristina Saiz

As Festas da Peregrina xa están aquí. O inicio da semana grande das festas de verano de Pontevedra dará comezo este sábado 8 de agosto ás 12:00 horas co pregón do chef pontevedrés estrella Michelín Pepe Solla.

Será un ano de festas diferentes, xa que nesta edición e por mor do protocolo de seguridade e prevención da Covid-19, a tradicional ubicación do balcón do pazo de Mugartegui, na praza da Pedreira, cambia para ao palco de música da Alameda, onde se poderá asistir á lectura do pregón nun espazo acoutado, con cadeiras e medidas de prevención e distanciamento social.

Así mesmo, pola noite terá lugar a primeira das tiradas 'sorpresa' de fogos de artificio. Co obxecto de evitar aglomeracións de xente para ver os espectáculos pirotécnicos, este ano as tiradas prográmanse todos os días pero en cada ocasión nun punto diferente da cidade e dos barrios e cunha duración de 7 minutos, en vez dos 15 minutos de anos anteriores.

Pola súa banda, os cantos colectivos e populares da actividade 'Aquí Cántase' animaron a véspera das Festas por cuarto ano consecutivo. Sen embargo, con motivo da pandemia, en vez de celebrarse polas rúas e prazas, tivo lugar na praza da Ferraría con numeroso público. 

O grupo Maravallada foi o encargado de acompañar os cantos con música desde o escenario e repartiu o repertorio impreso para que as persoas participantes puideran seguir a letra con maior facilidade.

PROTOCOLO COVID-19

Todas as actividades e actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica.

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control... Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar. A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra.

A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada.

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado.

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto. Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.

Arquivado en