O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, recibiu este mércores os representantes da Aula Castelao de Filosofía, que lle informaron dos contidos da XL Semana Galega da Filosofía, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra entre o 1 e o 5 de abril e coa que colabora a institución provincial.
Domínguez destacou que este encontro chega a súa edición número 40 "convertido nun evento único e nunha cita ineludible coa análise e a reflexión, que busca achegar o coñecemento, a filosofía, á sociedade".
Desta maneira, o encontro, sitúa cada ano á capital da provincia "como líder do pensamento", grazas a poñentes que axudan a reflexionar e poñer luz sobre diferentes temas.
O vicepresidente da Deputación puxo en valor as "catro décadas reflexionando, xerando pensamento crítico y achegando a Pontevedra algúns dos nomes máis relevantes dentro da filosofía contemporánea, tanto de ámbito estatal, galego ou internacional".
Este ano, o fío condutor da Semana Galega da Filosofía centrarase na análise do concepto de tempo.
A investigadora catalá Fina Birulés, especialista na obra e pensamento de Hannah Arendt, será a encargada de abrir un encontro polo que, ao longo de 5 días, pasarán un total de 15 poñentes de diferentes ámbitos.
Desta maneira, polo escenario do Teatro Principal pasarán ademais nomes como Ana Carrasco Conde, Ana de Miguel Álvarez, Isabel Balza, Francisco Conde Soto, Manuel Cabada, Anselmo López Carreira, Yolanda Castaño, María Leyra, Carlos Callón, Xurxo Mariño, Alicia Puleo, Cristina García Sainz e Franco Bifo Berardi.
O catedrático emérito da Universidade de Vigo Arturo Leyte, especialista no idealismo alemán e Heidegger, pechará a semana de reflexión.
O programa estrutúrase en sesións de mañá, de contido máis puramente filosófico; tarde, centradas na análise da realidade galega; e noites, cun carácter máis divulgativo.