A selectividade será "diferente" con máis centros de exames e menos movemento de alumnos

Pontevedra
28 de maio 2020

Tras un curso académico marcado pola COVID-19, os alumnos de bacharelato van afrontar en xullo as probas de acceso á universidade dun xeito "totalmente diferente", segundo avanza a Universidade de Vigo. E o campus de Pontevedra non será unha excepción

Exames da ABAU no campus de Pontevedra
Exames da ABAU no campus de Pontevedra / Mónica Patxot

Tras un curso académico marcado pola COVID-19, os alumnos de bacharelato van afrontar en xullo as probas de acceso á universidade dun xeito "totalmente diferente", segundo avanza a Universidade de Vigo. E o campus de Pontevedra non será unha excepción.

Xunto cos cambios en si que sufrirán os modelos de exame, as probas da avaliación do bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) -o nome que recibe agora a antiga selectividade- vanse a organizar dun xeito novidoso en Galicia.

Así, segundo explicou o reitor da universidade, Manuel Reigosa, nunha sesión ordinaria do consello de campus, trabállase para que non haxa "grandes movementos de alumnos", de tal xeito que os exames "van estar máis distribuídos por diferentes sedes", entre as que se atopará algún centro do campus pontevedrés, dada a súa proximidade á cidade.

Con respecto ao curso universitario actual, Reigosa destacou que "estamos conseguindo que non se perda o curso e non deixar a ninguén atrás".

O esforzo realizado polo persoal docente e de administración e servizos, xunto co propio alumnado, axudou a que os exames se estean a realizar "sen ningunha dificultade" de xeito telemático.