A Tesourería Xeral da Seguridade Social presentou finalmente o recurso contra a sentenza que recoñecía á Comunidade de Montes de Mourente a titularidade dos terreos onde se instalou o Hospital Montecelo. E agardou ao último día en que legalmente podía facelo.
Para a Comunidade de Montes de Mourente esta "teimosía" da Seguridade Social "amosa o seu interese en non perder patrimonio en Galicia que poida ser vendido posteriormente e o seu desprezo polos dereitos dos veciños de Mourente". Pero sobre todo este recurso supón para o goberno de España "unha perda de tempo e diñeiro, ademais de facerllo perder os comuneiros", afirman.
A Comunidade de Montes de Mourente "toma nota" desta actitude e lamenta que non puidera ser cumprida a única petición que lle fixo á Consellaría de Sanidade, a de interceder diante da Seguridade Social, "vista a presa que amosaba en chegar a acordo sobre os terreos". Asimesmo critica esa falla de vontade política ou "incapacidade de dialogar" co "goberno amigo", mesmo cando o obxectivo de tal intermediación era a de garantir o uso deses terreos para o servizo público.
Por todo isto, a Comunidade de Montes de Mourente reitérase na súa postura de que mentres a sentenza non sexa firme. Asegura que "non ten sentido negociar" nada coa Consellaría de Sanidade posto que legalmente non son os titulares dos terreos do hospital. Recorda que hai dous anos ofreceu os terreos de xeito gratuíto e indefinido para non pasar polos tribunais, que iso foi rexeitado polas administracións públicas e que a súa "actitude teimosa e hostil está a dificultar cada vez máis o acordo sobre os terreos".
Tamén se reiteran os comuneiros de Mourente na súa posición de ofrecer os terreos para uso sanitario público, pero "escoitar palabras amables mentres os feitos as desminten", fai medrar a súa "desconfianza nas administracións públicas e nos políticos que as dirixen" e reafírmanse na súa "vontade irrenunciable" de que os comuneiros de Mourente deben ter a titularidade do monte veciñal de Montecelo e a capacidade de decisión sobre o seu destino.