A segunda fase das obras de reforma de Santa Clara, listas antes de que acabe xuño

Pontevedra
21 de xuño 2014

Os traballos céntranse estes días nas inmediacións do acceso ao aparcadoiro soterrado e están moi avanzados. Ao tratarse do segmento máis estreito da rúa e cunha gran abundancia de servizos soterrados en pouco espazo, estase a escavar con moita prudencia para evitar avarías

Obras da segunda fase da reforma urbana na rúa Santa Clara
Obras da segunda fase da reforma urbana na rúa Santa Clara / Concello de Pontevedra

As obras da rúa Santa Clara afrontan a recta final do segundo sector do Plan de Obra, trazado polos técnicos municipais para facer compatible a execución dos traballos co tráfico rodado e a actividade diaria de  veciños e comerciantes. A empresa construtora informou ao goberno municipal de que esta fase estará concluída antes de que remate o mes, para poder aplicar o formigón da calzada a partir do xoves 3 de xullo.

Os traballos céntranse estes días nas inmediacións do acceso ao aparcadoiro soterrado e están moi avanzados. Ao tratarse do segmento máis estreito da rúa e cunha gran abundancia de servizos soterrados en pouco espazo, estase a escavar con moita prudencia para evitar avarías. 

A continuación afrontarase a execución da terceira e última fase, ata conectar coa rúa de Padre Amoedo. Os técnicos municipais estiman que pode ser a máis delicada das realizadas ata o de agora pola riqueza arqueolóxica do subsolo, nunha zona pegada á traza da muralla medieval de Pontevedra e á desaparecida porta de Santa Clara. Este factor será determinante para o prazo de conclusión das obras que, en principio, estímase para finais de agosto.

Nesta terceira fase executarase tamén a reforma integral da praza de José Martí (fronte á entrada ao hipermercado) e quedará xa para a recta final a instalación do parque infantil no espazo lateral da praza e o muro do convento das clarisas.

Por outra banda, as obras incluíron a novidade da colocación dun pozo de rexistro estanco, elaborado en PVC de alta resistencia. Este material, que non estaba previsto no proxecto orixinal foi incorporado, a modo de proba, pola dirección da obra. A intención é ensaiar a súa funcionalidade e peculiaridades á hora da instalación con vistas á súa posible utilización nas obras de renovación do colector do río dos Gafos.

A reforma da rúa de Santa Clara, cun orzamento de 676.199 euros, comezou a finais do pasado ano e formou parte dun paquete dunha ducia de obras, todas elas xa rematadas agás a avenida de Lugo, que tamén estreará a súa nova configuración ao longo deste ano.