A segunda fase da reforma da estrada entre Portosanto e Campelo alcanzará os tres millóns de euros

Poio
30 de marzo 2023

Gregorio Agís, deputado de Infraestruturas, presentaba o proxecto desta segunda fase da reforma da EP-0601, que seguirá o modelo de mobilidade sostible e segura coa creación dunha senda peonil. A zona afectada por esta mellora é de 1,8 quilómetros e sitúase entre a praza da Granxa e a contorna da Seara

Gregorio Agís, deputado provincial de Infraestruturas
Gregorio Agís, deputado provincial de Infraestruturas / Deputación de Pontevedra

Á espera da firma definitiva do convenio co Concello de Poio, o deputado provincial de Infraestruturas Gregorio Agís presentaba este xoves o proxecto da segunda fase da mellora de mobilidade na estrada provincial de Campelo, a coñecida como EP-0601 entre Portosanto e campelo. 

O investimento previsto ascende a tres millóns de euros, seguindo o modelo sostible e seguro que segue a Deputación de Pontevedra. A institución provincial achegará o 70% (2,1 millóns), mentres que o Concello poñerá 900.000 euros. O prazo de execución do proxecto é de 18 meses e a intención por parte de ambas as institucións é iniciar a obra no menor tempo posible.

O tramo no que se actuará ten unha extensión de 1,8 quilómetros, desde a praza da Granxa ata a contorna da Seara, antes do vial que conecta coa PO-308. Habilitarase unha senda peonil e remodelarase a praza da Granxa, coa creación dunha plataforma compartida con preferencia peonil na estrada e un espazo de estancia para a veciñanza no acceso á igrexa.

O proxecto contempla a rehabilitación do firme da estrada, coa mellora de intersección co Camiño dos Mouchos. Tamén está prevista a instalación de tres pasos peonís sobreelevados e a creación de tres zonas de estancia con bancos e pequenas zonas verdes. Tamén se implantará mobiliario urbano accesible.

Segundo explicou Gregorio Agís, as obras complétanse coa adaptación de todos os servizos como o saneamento e a recollida de pluviais. Precisamente en varios puntos da vía rexistrábanse problemas de acumulación de auga, expuxo o deputado e tamén tenente de alcalde de Poio, polo que será necesaria unha obra de drenaxe para resolver esta cuestión.

Establecerase unha nova iluminación na contorna utilizando tecnoloxía led. As redes de electricidade e telecomunicacións quedarán baixo terra. Agís destacou que se trata dunha "actuación ambiciosa e integral". 

Na primeira fase xa executada investíronse 1,7 millóns coa axuda de fondos europeos a través de IDAE por un montante de 1,4 millóns de euros.