A Deputación de Pontevedra lanza a segunda colección de 'Aquí Faltan Páxinas', programa que enxalza a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia. Pero, nesta ocasión, chega envolta na polémica por acusacións de censura de varias das poñentes.
Nesta segunda edición incluirase por vez primeira a unha muller viva, a fotógrafa Mary Quintero, que pon en valor historias de mulleres anónimas, como foi o caso das leiteiras de Pontevedra ou das madriñas de San Simón, e chega ao mundo rural.
O programa arrancará este martes 27 de febreiro cunha conferencia ás 19:00 horas no Museo de Pontevedra sobre Carmen Babiano Méndez-Núñez a cargo de Beatriz de San Ildefonso, e alongarase durante todo o ano.
'Aquí Faltan Páxinas' pretende contar a historia de mulleres extraordinarias que desenvolveron un papel clave e, sen embargo, non figuran nos libros. Ademais, dándolles visibilidade, o programa contribúe a dotar ás nenas e mozas de referentes femininos e "medren fortes e miren cara o futuro con optimismo e esperanzas", segundo o presidente da Deputación, Luis López.
Deste xeito, esta segunda colección presenta mulleres pioneiras, valentes e arriscadas, que se aventuraron no eido da artes como Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal, na escritura como Avelina Valladares, na música como María Pardo Trapote, ou loitadoras como María Araújo, Urania Mella ou Placeres Castellanos.
A colección tamén presenta pioneiras da ciencia como Inmaculada Paz Andrade, ou figuras relevantes na conquista de territorios como a raíña Urraca I, alcumada 'A Temeraria', por atreverse a exercer o poder igual que facían os homes.
PROGRAMACIÓN
'Aquí Faltan Páxinas' comeza este mes de febreiro con Carmen Babiano Méndez-Núñez á que lle seguen, en marzo e con conferencias tamén na cidade do Lérez, as leiteiras de Pontevedra e Inmaculada Paz Andrade. Sobre as primeiras afondará o 7 de marzo Xiana Iglesias, para dar conta do trunfo da unión entre mulleres, e sobre a segunda falará o día 21 Xoana Pintos Barral, quen dará a coñecer a figura desta investigadora en loita contra os incendios.
No mes de abril a protagonista será Avelina Valladares cunha conferencia na Estrada a cargo de Aurora Marco, quen afondará na frustración de ser escritora na Galicia do século XIX. Xa en maio, o programa chegará a Vigo da man da feminista e defensora da República Urania Mella sobre a que falarán Iria Presa e Raúl Solleiro Mella.
Pola súa banda, no mes de xuño Pilar Cagiao disertará en Vilagarcía sobre a guerrilleira que loitou contra as ditaduras de Franco e Batista, María Araújo, e en xullo, no Castelo de Sobroso, María del Carmen Pallares falará sobre Urraca I de León, a raíña batalladora. En agosto, as madriñas de Redondela, esperanza dos presos de San Simón, serán protagonistas dun relatorio na propia illa a cargo de Eva Mejuto e de Carmen Lores Blanco, filla dunha madriña.
En setembro a protagonista será Mercedes Ruibal, unha pintora alegre de trazos dramáticos, sobre a que falará Ángeles Ruibal e María Luisa Sobrino, e en outubro chega a quenda da lírica co análise da figura de María Pardo Trapote, a soprano de Teis nos Estados Unidos, a cargo de Montserrat Capelán e Pilar de Saa, sobriña-neta da soprano. En novembro Mary Quintero, a fotógrafa cun estudo propio e unha ollada única, será protagonista, cunha conferencia en Vigo na que ela mesma será a encargada de dar a coñecer a súa traxectoria.
Por último, o programa pecharase en decembro en Ponte Caldelas, cunha conferencia centrada na figura de Placeres Castellanos, unha galega na resistencia francesa contra os nazis, sobre a que falará a súa neta Silvia Caldas.
VARIAS RELATORAS DENUNCIAN REPRESALIAS
Pero a nova edición deste programa non empezou con bo pé. Catro relatoras denunciaron ser excluídas do proxecto por motivos políticos, ao apoiar publicamente a Ana Pontón nas recentes eleccións galegas.
Trátase da xornalista Montse Fajardo, experta en memoria histórica; Mercedes Queixas, deputada electa do BNG; Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística; e María Xesús López Escudeiro, ex delegada provincial de Cultura durante o bipartito.
Elas mesmas denunciaron o "sectarismo" do actual goberno provincial a través das redes sociais e recibiron o apoio de numerosos colectivos.
Dous días despois das eleccións, a Deputación de Pontevedra anula a charla sobre Virxinia Pereira que ía dar. Do proxecto Aquí faltan páxinas desaparecemos 4 ponentes. Todas apoiamos a Ana Pontón.
— Montse Fajardo (@MontseFajardoP) February 20, 2024
Así son.
Creo que Virxinia coincidiría comigo, este veto é unha medalla.
A miña ponencia vai sobre Placeres Castellanos, unha muller nada en Pontecaldelas.
— Elsa Quintas Alborés (@elsa_quintas) February 21, 2024
Eu non participara antes neste proxecto. Coido que de nós as catro só o fixo antes Montse Fajardo.
Estamos ante un veto de manual, unha caza de bruxas tan evidente que non se pode agochar.