O terremoto derivado da filtración do fragmento dun vídeo do presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, dirixido ao persoal da fábrica de Lourizán segue xerando réplicas.
Se socialistas e nacionalistas esixían ao dirixente que aclarase as súas palabras sobre a falta de seguridade da planta, o comité de empresa denuncia a falta de implicación da empresa e da Xunta, mentres que a sección sindical de CC.OO, que representa a outra parte dos traballadores, acusou este martes ao Goberno de desviar a atención, aseguran que a pasteira é segura e insisten na súa petición de modificar o artigo 18.4 da nova Lei do Cambio Climático para evitar o peche inmediato da factoría da ría de Pontevedra.
Apoiada por representantes de colectivos empresariais como a Cámara de Comercio ou a Plataforma Pro Industria, a presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, Ana Cedeira, expresou o seu malestar pola "desconceptualización" das palabras de Colmenares e pediu centrar o discurso nas consecuencias da aprobación da nova lei, que significará a destrución duns 5.000 postos de traballo, asegura a representante sindical de Comisións Obreiras.
Despois de despexar calquera tipo de dúbida sobre a falta se seguridade da empresa, Cedeira arremeteu contra o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pedindo o seu cesamento inmediato. "Ence non é Alcoa, Ence non necesita un plan de industria, o que necesita é seguridade xurídica para poder investir 200 millóns de euros na súa planta de Lourizán", alza Cedeira a voz.
Critican tamén o rexeitamento da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para reunirse con representantes dos traballadores polo que apelan agora ao deputado socialista por Pontevedra, Guillermo Meijón, para que medie para formalizar un encontro. Afean tamén a posición de Losada de non citar aos representantes de Comisións Obreiras e si aos de UXT e CIG á entrevista co comité de empresa. "O PSOE reúnese só cunha parte do comité, á que lle gusta o que van a oir", dixo.
Con todo, outras fontes aseguran que este sindicato si que estaba citado á reunión co delegado do Goberno, Javier Losada.
Sobre as declaracións do presidente da firma, Cedeira escudouse en que é un breve extracto dunha mensaxe de máis dunha hora e que, segundo ela, sacouse de contexto. "Ence é segura", sentenza e asegura que o seguirá sendo sempre que sexa aporte seguridade xurídica para realizar as investimentos pertinentes.
Por todo iso, desde Comisións Obreiras manteñen o seu calendario de mobilizacións que contempla unha concentración este venres fronte á sede do Ministerio de Transición Ecolóxica en Madrid e unha semana despois unha marcha a pé ata Santiago para protestar diante da sede do PSdeG-PSOE.
Por outra banda, desde a Cámara de Comercio e a Plataforma Pro Industria mostraron a súa preocupación pola inseguridade xurídica que xera ás empresas situadas no dominio marítimo terrestre a redacción dos artigos 18.4 e 18.3 da nova lei do Cambio Climático que limitará a duración das concesións a estas entidades.
Desconfían das palabras do Goberno, que asegura que a nova norma non terá carácter retroactivo e esixen que anulen ou modifiquen estes artigos para que o compromiso quede tembién recollido por escrito. "Por que nos temos que crer que non vai ser retroactiva?, por que teñen que ter unha pistola cargada apuntándonos e crer que non van disparala?", pregúntase o directivo da Cámara de Comercio, Eduardo Barros.
Nunha liña similar posiciónanse na Plataforma Pro Industria, desde a que lamentan o negativo efecto chamada que ten para Pontevedra a postura dalgúns grupos políticos con respecto a Ence á hora de atraer outras industrias.
APOIO DO PP
Esta mesma tarde de martes, representantes de Comisións Obreiras no comité de empresa de Ence mantiveron un encontro co presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafael Domínguez, na que analizaron as "graves consecuencias" do peche da fábrica para a capital.
O líder da oposición, que acudiu o encontro acompañado polo concelleiro Pablo Fernández, afeou a actitude do Concello cara a este conflito. "É inaudito que o alcalde e o seu equipo apoien unha medida tan prexudicial para o tecido empresarial pontevedrés. O pan de 5.000 persoas está en xogo. Se o paro en Pontevedra xa é un problema central, a situación será moitísimo peor", recalcou o edil popular.