A SCD Raxó alega contra o parque eólico do Castrove polo seu "forte impacto no territorio​"

Pontevedra
04 de xullo 2024

A entidade considera que o Estudio de Impacto Ambiental "non é o suficientemente rigoroso na identificación e valoración de impactos sobre o medio físico, biótico, socioeconómico e sobre o patrimonio cultural". Consideran que "tampouco é moi exhaustiva" a análise da vulnerabilidade destas obras "ante o risco de accidentes graves e catastróficos" 

Monte Castrove
Monte Castrove

A Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó presentou alegacións fronte ao proxecto do parque eólico do Castrove, nos concellos de Meis, Barro, Pontevedra e Poio, advertindo que as obras para a súa instalación suporían unha actuación con "forte impacto no territorio".

A SCD Raxó tamén pediu persoarse no procedemento administrativo que hai en marcha para este proxecto na Xunta de Galicia. Nestes momentos están sometidos a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico.

A entidade alega que estas obras suporían intervir nunha superficie de 58.818 metros cadrados entre accesos e vías, drenaxe e conducións; cimentacións, rasantes para a localización dos aeroxeradores; subestación de transformación; e zonas de almacenamento.

Tendo en conta o volume da superficie e as zonas onde se sitúan as intervencións, esta entidade considera que o Estudio de Impacto Ambiental presentado pola empresa promotora "non é o suficientemente rigoroso na identificación e valoración de impactos sobre o medio físico, biótico, socioeconómico e sobre o patrimonio cultural".

Ademais, consideran que "tampouco é moi exhaustiva" a análise da vulnerabilidade que supoñen estas obras "ante o risco de accidentes graves e catastróficos" e ante os "probables efectos adversos significativos sobre o medio ambiente".

A asociación rexeita o proxecto eólico, entre outros motivos, por "non garantir a calidade das masas de auga superficiais e subterráneas" e a non afección de acuíferos e captacións de auga para o consumo humano e das explotacións agrícolas e gandeiras.

Tamén cuestionan a ausencia de estudios técnicos xeomorfolóxicos, hidroxeolóxicos e hidrolóxicos rigorosos, necesarios para a identificación, descrición, análise e cuantificación das modificacións esperadas no territorio, como consecuencia da execución das obras.