A saúde social será o tema central da XXXIV Semana Galega de Filosofía

Pontevedra
15 de marzo 2017

Presentación no Concello da XXXIV edición da Semana Galega de Filosofía, que terá lugar do 17 ao 21 de abril no Teatro Principal de Pontevedra e cuxo eixo central para este ano será "Filosofía e Saúde"

Presentación da XXXIV Semana Galega de Filosofía
Presentación da XXXIV Semana Galega de Filosofía / Mónica Patxot

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá a XXXIV edición da Semana Galega de Filosofía do 17 ao 21 de abril. Así o adiantaban na mañá deste mércores 15 no Concello o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e dous membros da directiva da Aula Castelao de Filosofía, e organizadores do evento, a presidenta Ana Regueira e Montse Bragado.

O alcalde destacou o esforzo que facían os organizadores por buscar cada ano temas de actualidade e interese e felicitou o seu bo labor, que converte a localidade pontevedresa en todo un referente de filosofía durante o transcurso desa semana tanto a nivel autonómico como estatal.

A presidenta da Aula Castelao de Filosofía, Ana Regueira, adiantou con respecto á elección de Filosofía e Saúde como eixo central da edición deste ano, que se adoita falar de saúde física e de saúde psicolóxica ou emocional, pero case nunca de saúde social.

Segundo a presidenta estamos chegando a un punto no que o principal problema da civilización na que vivimos é un problema de saúde en todos os niveis."Vivimos nunha sociedade enferma", que se revela, como puxo por exemplo, na forma de tratarnos entre nós e de relacionarnos. Ou no caso de que releguemos ao 25% da poboación que son os nosos maiores a non ser nada, deixando así de valorar a idade como mecanismo de ensinanza

Cren que é necesario apostar por unha sociedade máis saudable. Pero para iso, continuaba, é necesario saber que é a saúde, e por que aparecen as enfermidades. "Non no sentido médico, obviamente, porque nós non somos médicos", precisaba Ana Regueira. Pero si que é preciso segundo ela reflexionar e preguntarnos se realmente podemos considerarnos persoas sans cando, por poñer un caso, a única forma para unha persoa de curar as súas frustracións é ir de compras.

Respecto dos conferenciantes, adiantaron que a inauguración a vai facer o filósofo José Luís Pardo, cun relatorio que se titula "Que é a saúde?", e contarán entre outros con José Antonio Seoane, presidente do comité de bioética de Galicia, e profesor de filosofía do dereito na Universidade da Coruña, que falará da saúde pero enfocada á autonomía, a discapacidade e a xustiza, e tamén con Nines Maestro, unha dos máximos expoñentes pola loita dunha sanidade pública digna en Madrid, que tratará a saúde e o capitalismo.