A saúde mental en tempos de pandemia pasa a primeiro plano este martes en Montecelo

Pontevedra
27 de setembro 2021

O evento, dirixido a profesionais da sanidade, contará cos relatorios da psicóloga do CHUP Beatriz Fernández Malvido e do xornalista e director do programa "Al fílo de lo imposible", Sebastián Álvaro Lomba

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés acolle este martes no hospital Montecelo de Pontevedra a conferencia "Saúde mental en tempos da covid-19. Retos e estratexias para o autocoidado".

Neste evento, dirixido aos profesionais da Área Sanitaria, contarase coas ponencias da psicóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra Beatriz Fernández Malvido e do xornalista Sebastián Álvaro Lomba, director do programa “Al Filo de lo imposible”.

A conferencia está prevista para ás 13 horas no salón de actos de Montecelo -que estará presentada polo xerente da Área Sanitaria, José Ramón Gómez e pola directora de Recursos Humanos de Pontevedra e o Salnés, Yolanda Lesmes- enmárcase dentro do desenvolvemento do Plan de apoio e atención ao persoal da Sanidade.

Dito plan, activado en febreiro deste ano polo Departamento Sanitario Público galego, conta entre as suas liñas de actuación co fomento do autocoidado emocional do persoal e das habilidades de comunicación, así coma o desenvolvemento dun programa de acompañamento aos profesionais desenvolto por profesionais da psicoloxía clínica e psiquiatría do Servizo Galego de Saúde.

A psicóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra Beatriz Fernández Malvido presentará na súa ponencia as actuacións relacionadas co programa de acompañamento aos profesionais e actuacións de desenvolvemento do Plan de Intervención Psicosocial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Así mesmo, coa súa conferencia "Ninguén nos dixo que fose imposible: claves para despois dunha pandemia", o xornalista, escritor, conferenciante, Premio Nacional do Deporte, director de expedicións e do programa de TVE "Al filo de lo imposible”, Sebastián Alvaro Lomba, fará unha reflexión sobre a experiencia vivida polos profesionais da Sanidade, resaltando valores amosados na loita contra a covid-19: a valentía, a solidaridade, o optimismo e a resiliencia.

A intervención de clausura desta conferencia en Montecelo correrá a cargo da xefa de servizo de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, María Tajes Alonso.