A saúde mental, eixo central das II Xornadas de Creación e Pensamento do campus pontevedrés

Pontevedra
26 de novembro 2022

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo acollerá a vindeira semana a segunda edición das Xornadas de Creación e Pensamento, que o ano pasado se centraron na violencia de xénero e este ano abordarán a saúde mental a través da combinación da reflexión e a representación escénica

II Xornadas de Creación e Pensamento do campus de Pontevedra
II Xornadas de Creación e Pensamento do campus de Pontevedra / DUVI Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo acollerá a vindeira semana a segunda edición das Xornadas de Creación e Pensamento, que o ano pasado se centraron na violencia de xénero e este ano abordarán a saúde mental a través da combinación da reflexión e a representación escénica

A Vicerreitoría do campus impulsa estas xornadas en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Universidades a partir do xoves 1 de decembro na Casa das Campás.

A programación inclúe un espectáculo de danza, unha conferencia e un taller entre os días 1 e 2 de decembro.

Comezará o día 1 coa parte musical, un espectáculo de baile e música tradicional galega DeMente, a cargo da compañía de Fran Sieira.

Esta representación verase sucedida por un coloquio sobre prevención do suicidio co psiquiatra Andrés Fontalba.

O ciclo completarase ao día seguinte na Facultade de Fisioterapia cun taller impartido por Miguel Muñoz-Cruzado, presidente da Asociación Española de Fisioterapeutas en Salud Mental. 

O director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, sinalou este venres, a través do DUVI da Universidade de Vigo, que "os problemas de saúde mental son, por desgraza, un tema moi candente na nosa sociedade".