Luis Vilas é o autor do cartel que servirá para ilustrar o Entroido 2023 en Marín. E, como non podía ser doutro xeito, a sardiña será a súa grande protagonista, xusto nun ano no que o seu tradicional enterro na vila busca ser Festa de Interese Turístico de Galicia.
O cartel da festa foi presentado este mércores polas concelleiras de Festas e de Cultura, Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez, respectivamente, que avanzaron os detalles dunha ampla programación que se desenvolverá entre os días 17 e 26 de febreiro.
Ambas destacaron a "enorme implicación" que teñen as asociacións de Marín, que "sempre foron o gran motor do Entroido" e aseguraron que este ano será unha edición "moi atractiva" destas festas, con actividades e opcións de lecer para todas as franxas de idade.
O punto de inicio do Entroido marcarano os Cantos de Taberna polos bares de Marín, organizados por Os Saljariteiros, que percorrerán os establecementos da vila o venres 17 de febreiro, a partir das nove da noite.
Ao día seguinte, o sábado 18 de febreiro ás 16:30 horas, será o desfile infantil polas rúas de Marín, que pasará por Alameda, Real, Praza do Reloxo, Sol, Concepción Arenal e Parque Eguren. A súa inscrición previa, media hora antes, será no Palco da Música. Ademais, haberá unha gran festa infantil no Parque Eguren, con música, animación e obradoiros e filloas de balde, desde as cinco da tarde.
O domingo 19, que comezará coa animación matinal das comparsas Os Paparrulos e Os da Caña, incluirá o gran desfile de disfraces e carrozas que, tras saír ás 17:00 horas da Praza do Regueiro, pasará pola Avenida de Ourense, a Praza de España, Almuíña, Jaime Janer, Concepción Arenal e o Parque Eguren, onde se realizará a entrega de premios.
O velorio da sardiña no Concello estará aberto todo o día do luns 20 de febreiro, no que tamén se celebrarán a tradicional Festa do Merengue na Lameiriña (12:00 horas), a cargo de Amigos dos Rapaces e Pousos de Area e a festa infantil amenizada por Los Coleguitas (16:30 horas).
O martes 21 de febreiro, en horario vespertino, será a terceira edición das Ludoxornadas no Museo Manuel Torres. Ás 18:30 horas, a Alameda acollerá o espectáculo Circocido con Tom e Son e ao rematar, unha chocolatada de balde e a entrega de premios do concurso de orellas e filloas do Ateneo Santa Cecilia.
A festa continuará ás 19:30 horas coa animación da Batucada Axé Bahía polas rúas marinenses e ás 21:00 horas nos bares cos Cantos de Taberna de Os Saljariteiros.
A recta final do Entroido de Marín irá tomando forma o mércores 22 de febreiro. Ás cinco da tarde arrancará o Velorio do Enterro da Sardiña no Palco da Música e ás oito será o enterro, coa comitiva que pasará pola Alameda, Jaime Janer, Busto de Abaixo, Dr. Touriño e Rúa do Sol.
O desfile chegará ata a Praza do Reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar, sairase pola rúa Real en dirección ao Paseo Alcalde Blanco, para despedir á sardiña no mar.
Seixo será o epicentro do Entroido o sábado 25 de febreiro coa animación da Charanga Noroeste e, desde as cinco da tarde, co Desfile de Entroido desde San Blas ata a Alameda de Seixo, organizado polo Grupo Cultural Ronsel. Haberá homenaxe á Burra Chirica, figura tradicional do Entroido de Seixo, e sesión de música e baile.
Xa só quedará despois a degustación do Bolo do Pote a cargo de Pousos da Area na Alameda Rosalía de Castro, o domingo 26 ás 12:00 horas, animada pola Charanga Jalácticos.