A Santiña terá plataforma única e reforzará a súa identidade como Camiño de Santiago

Pontevedra
16 de xaneiro 2020

Algo máis de 1,2 millóns de euros. É o investimento que prevé realizar o Concello de Pontevedra na reforma integral da Rúa da Santiña, actuación coa que se completará a humanización de todo o trazado do Camiño Portugués que atravesa a trama urbana

Rúa da Santiña, Pontevedra
Rúa da Santiña, Pontevedra / Cristina Saiz

Algo máis de 1,2 millóns de euros. É o investimento que prevé realizar o Concello de Pontevedra na reforma integral da Rúa da Santiña, actuación coa que se completará a humanización de todo o trazado do Camiño Portugués que atravesa a trama urbana.

Este proxecto forma parte do "esforzo importante" que, segundo o edil de Obras, está a realizar o goberno municipal para trasladar os estándares de calidade urbana ao barrio do Burgo. Demetrio Gómez espera a reforma da Rúa da Santiña sexa unha realidade en 2021.

Con esta obra, ademais de completar a rehabilitación da trama urbana do camiño de peregrinación a Santiago, o Concello pretende priorizar o uso peonil da rúa e crear novas zonas de estancia no espazo público.

A Rúa da Santiña terá, por tanto, plataforma única, o que probablemente supoñerá unha reordenación dos seus aparcamentos.

Ademais, renovaranse todas as redes dos servizos soterrados e prevese dignificar a "transición" entre a zona urbana e a rural, xa que a rehabilitación será en toda a rúa, desde a praza peonil anexa á Avenida da Coruña ata a súa conexión coa Rúa da Gándara.

Para a redacción do proxecto, o Concello contactou con tres estudos de arquitectura, dous deles con experiencia previa rehabilitando zonas urbanas polas que atravesa o Camiño de Santiago, concretamente o barrio de San Clemente (Santiago) e en Monterroso (Lugo).

O goberno municipal organizou para este xoves unha asemblea veciñal no barrio para dar a coñecer os detalles desta actuación e recoller as achegas e suxerencias que queiran realizar os veciños e veciñas da Rúa da Santiña.