A San Silvestre de Pontevedra xa ten todo listo para recuperar esta tarde o seu formato habitual prepandemia.
A Sociedad Gimnástica elaborou un regulamento para a proba deportiva na que destaca o circuíto pechado ao tráfico que percorrerá o centro da cidade.
A Policía Local advirte que de 16 a 19 horas non se poderá acceder nin saír co vehículo da zona afectada pola proba deportiva.
Con saída este 31 de decembro ás 17.00 horas desde a Avenida Montero Ríos, deseñouse un percorrido de "4.000 metros aproximadamente", sinala a organización, e que será moi similar ao do ano 2019, o último antes do estalido da pandemia de covid.
Así os participantes pasarán por Praza de España, Rúa Alameda, Raíña Victoria, Xeneral Rubín, Iglesias Vilarelle, iglesia de San Xosé de Campolongo, Praza da Constitución, Praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina, Oliva, Marqués de Riestra, Gutiérrez Mellado, Michelena, Praza da Peregrina, Ferrería, Soportais, Curros Enríquez, Rúa Real, Sarmiento, Gregorio Fernández, Praza da Pedreira, César Boente, Rúa Sierra, Valentín García Escudero, Rúa da Ponte, San Telmo, Barón, Praza do Muelle, Arcebispo Malvar, Condesa Pardo Bazán, Concepción Areal, Xeneral Martitegui, Prudencio Landín e de novo Praza de España para chegar á Avenida de Montero Ríos.
Entre outros aspectos da carreira, destaca o tradicional lacón que se entregará aos gañadorese tamén aos mellores disfraces así como a habitual acción solidaria coa recollida de alimentos non perecedoiros para ser doados aos servizos sociais, e que se realizará durante os días de inscrición e tamén este 31 de decembro a partir das 15.00 horas na Praza de España.