A rúa Domingo de Andrade estrea beirarrúas e renova todos os servizos soterrados

Pontevedra
29 de maio 2024

Esta rúa apenas tiña espazo público e carecía de beirarrúas, o que provocaba que "estivese ocupada por coches de xeito indiscriminado", afirmou Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou que a partir de agora todo este ámbito terá garantida a súa accesibilidade peonil

Obras de reforma da rúa Domingo de Andrade
Obras de reforma da rúa Domingo de Andrade / Mónica Patxot

Unha das zonas que, segundo recoñece o alcalde, estaba nunhas condicións urbanísticas "lamentables" estreará moi pronto o seu novo aspecto. Trátase da rúa Domingo de Andrade, situada aos pés de Santa María, entre a Rúa do Ouro e Jofre de Tenorio.

Esta rúa apenas tiña espazo público e carecía de beirarrúas, o que provocaba que "estivese ocupada por coches de xeito indiscriminado", afirmou Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou que a partir de agora todo este ámbito terá garantida a súa accesibilidade peonil.

A intervención na rúa Domingo de Andrade, que este mércores foi reasfaltada, habilitou beirarrúas en formigón varrido en cor gris delimitadas cun bordo en pedra que segrega os espazos peonís da calzada. Evita que os vehículos estacionen diante das fachadas dos edificios. 

A obra, que están executando as brigadas municipais, ten pendente a nova sinalización horizontal e vertical. Os sentidos de circulación manteranse como na actualidade. 

Ademais, renováronse todos os servizos soterrados. Así, instalouse unha nova canalización de auga e reconstruíronse as acometidas de auga. Tamén se fixo unha reserva de alumeado e a preinstalación de reserva de telecomunicacións e de rede eléctrica.

Fernández Lores recoñeceu que A Moureira é un barrio que precisa "moitas melloras" e agarda que teña un cambio "importante" cando se faga toda a urbanización do Teucro.

"Imos pouco a pouco pero seguimos na liña de mellorar a calidade de vida dos veciños, vivan onde vivan", sentenciou o rexedor pontevedrés.