Cando chegan as choivas intensas, na Rúa do Santo en Lourizán saben que terán problemas de acceso nas súas vivendas.
Durante a madrugada deste xoves 26 de setembro, arredor das 04.00 horas, volvía a inundarse esta zona na parroquia pontevedresa.
Veciños da zona indican que o problema se debe a que o río que atravesa esta contorna está canalizado pero denuncian que está "deficientemente mantido por parte de Augas de Galicia e do Concello".
"Estamos desesperados", indica algún veciño da zona que recoñece que “estamos pendentes sempre da situación meteorolóxica”.
Aseguran que a auga acumulada nestes casos provoca danos nas plantas baixas das vivendas.
Algúns residentes explican tamén que cando chove teñen que trasladarse a outra vivenda familiar porque, doutro xeito, as persoas maiores quedarían encerradas pola auga anegada na rúa ou con dificultades para camiñar debido á lama que aparece posteriormente.
Demandan unha solución por parte das administracións para deixar de sufrir estas malas experiencias cada vez que unha borrasca entra pola ría.