A rúa do Gorgullón quedará como unha plataforma única e arborada ao estilo da praza do Hospital

Pontevedra
08 de xuño 2017

A reforma contará cun orzamento que supera a cifra de 1.550.000 euros e o goberno local de Pontevedra agarda que os traballos se inicien antes de que remate o ano

O concelleiro Demetrio Gómez presenta a reforma do Gorgullón
O concelleiro Demetrio Gómez presenta a reforma do Gorgullón / PontevedraViva

Os técnicos municipais están a revisar o proxecto para a reforma da rúa O Gorgullón, que o vindeiro xoves 15 será sometido á opinión dos veciños da contorna deste barrio pontevedrés, que forman parte da asociación veciñal Eduardo Pondal.

O concelleiro Demetrio Gómez presentaba este proxecto que contará cun orzamento de 1.554.000 de euros e que o goberno local quere iniciar antes de que finalice este ano. O prazo de execución será de oito meses. A proposta pretende trasladar o modelo do centro de Pontevedra a esta zona da cidade por onde discorre o Camiño Portugués a Santiago. Segundo o concelleiro trátase dunha zona cun tratado que presenta numerosas dificultades.

A presenza de peregrinos por esta rúa foi determinante para promover un cambio de sentido do tráfico rodado, de maneira que siga o traxecto desde o Albergue ata o centro da cidade. Con esta medida preténdese evitar que, por exemplo, peregrinos que circulan en bicicleta realicen este percorrido en dirección contraria ao que realizan os vehículos a motor e que xa provocou leves accidentes. No firme marcarase o Camiño a Santiago, con iluminación, e cun deseño lateral diferente ao do centro, seguindo o estilo da praza do Hospital. 

Demetrio Gómez explicou que a reforma contempla a eliminación de beirarrúas para deixar unha plataforma única en toda a rúa, tal e como se atopa actualmente na Michelena ou na Peregrina, sen zonas de carga e descarga nin aparcadoiros. Con esta medida tamén se busca restrinxir o tráfico nesta rúa paralela a Eduardo Pondal, quedando limitado a residentes e servizos. 

A Travesía Eduardo Pondal e a Rúa da Moa quedarán con saída cara Eduardo Pondal. Por outra banda, a Rúa do Muíño, que é a travesía que conta cunha maior pendente, será peonil cunha rampla que enlazará tamén con Eduardo Pondal. 

Entre os servizos que se mellorarán, está previsto ampliar a rede de auga potable e separaranse as augas fecais e pluviais, ademais de mellorar os puntos de luz a través de lámpadas led, ao estilo do centro da cidade, segundo comentou o concelleiro responsable destas obras. Tamén se instalarán árbores, pereiras de flor, formando unha barreira vexetal. 

A praza próxima á Avenida da Estación quedará cambiada. Facilitarase o xiro a través da rotonda, apuntou Demetrio Gómez, mellorando a entrada á senda do Gafos, cun cambio da rampla actual que mellore a súa accesibilidade.

Segundo Luís Carballo, presidente da Asociación de Veciños Eduardo Pondal, a reforma é necesaria e a única dúbida que se lles expón é na conexión coa rotonda que enlaza a rúa do Gorgullón con Uxío Novoneyra. Nunha semana coñecerán con detalle o proxecto e expoñerán o seu punto de vista aos responsables do Concello.