A rúa de Santa Clara abrirase completamente á circulación rodada durante a semana próxima

Pontevedra
06 de febreiro 2015

O último sector da rúa xa está pavimentado, pero os técnicos aconsellan agardar sete días para garantir o fraguado do formigón

Operarios de obras (arquivo)
Operarios de obras (arquivo) / Mónica Patxot

O tráfico normalizarase completamente na rúa de Santa Clara durante a semana próxima. As obras no último sector desta céntrica vía afrontan a súa recta final. Nos últimos días rematáronse completamente as novas beirarrúas e quedou aplicado e pulido o formigón da calzada.

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, mantivo unha xuntanza cos técnicos para analizar os avances e foi informado de que, diante do frío extremo que estamos a padecer, aconséllase prolongar o período de fraguado durante unha semana completa. Estímase que, coas actuais condicións meteorolóxicas ese tempo é preciso para alcanzar cando menos un 75% de dureza no novo pavimento.

O responsable municipal e os técnicos municipais quedaron emprazados ao próximo luns para valorar a situación. En principio todo fai crer que a rúa poderá abrirse ao tráfico o mércores día 11, pero a decisión final tomarase en función do avance do fraguado. Mentres tanto, a rúa será utilizada libremente polos peóns, pero seguirá restrinxida ao tráfico rodado.

Antón Louro indica que tan só restará o remate das obras na praza de José Martí e no encontro coas beirarrúas de Cobián Roffignac. Nesta zona habilitarase un pequeno muro de mampostería (similar ao da rúa do 12 de novembro) onde quedará integrado o monumento a José Martí. Terá así un protagonismo maior que na actualidade, no marco dun espazo peonil máis amplo e diáfano.

Finalmente, unha vez concluídas todas as actuacións chegará o momento da instalación do novo parque infantil na calella de entrada paralela ao muro do convento.