A rúa Camiño Vello de Seixo estrea imaxe con mobilidade mellorada

Marín
23 de xullo 2021

A alcaldesa de Marín visitou a zona acompañada polos deputados provinciais Santos Héctor, Gregorio Agís, Ana Laura Iglesias, Noemí Outeda e Raquel Giráldez; os concelleiros Pablo Novas e Raquel Soage; e outros representantes do Goberno local e a Corporacióin municipal e da asociación de comerciantes Marín Sur (Acemas)

Inauguración da reforma do Camiño Vello de Seixo
Inauguración da reforma do Camiño Vello de Seixo / Concello de Marín

As obras de humanización realizadas na rúa Camiño Vello de Seixo xa están rematadas e nos últimos días xa se puido ver a súa nova imaxe. Este xoves, ademais, recibiron a súa primeira visita oficial a modo de inauguración

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitou a zona acompañada polos deputados provinciais Santos Héctor, Gregorio Agís, Ana Laura Iglesias, Noemí Outeda e Raquel Giráldez; os concelleiros Pablo Novas e Raquel Soage; e outros representantes do goberno local e a corporación municipal e da asociación de comerciantes Marín Sur.

A intervención realizouse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, cunha inversión total de 374.361,63 euros, por iso é polo que este xoves tamén acudiron á visita representantes da institución provincial. 

Durante a visita, a alcaldesa destacou que se trata dunha obra "fundamental para Seixo", xa que se trata dunha vía moi transitada, moi usada pola veciñanza, e que se atopaba nun estado "moi deteriorado", co pavimento afectado e con problemas pola antigüidade dos servizos públicos.

A zona foi obxecto dunha humanización que supuxo unha transformación total do vial, non só do seu aspecto, senón tamén de todo o que ten que ver cos servizos de saneamento e abastecemento.

A actuación incluíu unha mellora integral de todas as 'entrañas' da rúa, renovando todas as canalizacións de saneamento e abastecemento. No que respecta á imaxe exterior, colocouse novo pavimento e novo mobiliario urbano, ademais de renovar toda a iluminación, cumprindo cos estándares de aforro enerxético.

Ademais, mellorouse o deseño do viario, deixando o carril da estrada nunha única dirección, de tal xeito que se puideron anchear as beirarrúas, que pasaron de medir 1,60 metros, aproximadamente, a estar en torno aos dous metros e medio.