A Rúa 7 de Moraña xa conta con novos pasos elevados

Umia
28 de xullo 2022

O alcalde, José Cela, visitou as obras cuxas beirarrúas e pavimento foron remodelados recentemente e na que faltaban por crear os pasos elevados nos accesos aos centros educativos

Nova plataforma única na Rúa 7 de Moraña
Nova plataforma única na Rúa 7 de Moraña / Concello de Moraña

O alcalde, José Cela, visitou as obras cuxas beirarrúas e pavimento foron remodelados recentemente e na que faltaban por crear os pasos elevados nos accesos aos centros educativos, algo que se decidiu facer durante o verán, cando non hai curso académico, coa finalidade de entorpecer o menos posible a actividade do colexio.

Esta plataforma única elevada nos accesos ao colexio CPI Santa Lucía e á gardería municipal requeriu o corte ao tráfico dos viais.

Está previsto que a rúa quede aberta de novo a partir do venres ás 14.00 horas.

A Rúa 7, ademais do seu elevado uso residencial, xa que experimentou un importante crecemento edificatorio nos últimos 15 anos, alberga algunhas das instalacións públicas máis relevantes: os centros educativos antes mencionados, dous pavillóns e o campo de fútbol do Buelo.

De feito, xa se levaron a cabo nos últimos anos actuacións de mellora nestes espazos, así como a ampliación das beirarrúas e a construción dunha pista multideporte e un circuíto de pumptrack.

A superficie total sobre a que se actuou foi de 7.233 metros cadrados. Ademais, tamén se renovará o pavimento nas Rúas 15, 16 e 17.

A inversión que se realizou neste proxecto de mellora é de 140.700 euros, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Cela recalcou “a necesidade que temos de facer inversións para converter o noso casco urbano nun espazo máis cómodo para os veciños, no que minimicemos o risco de tráfico e que permita aos habitantes de Moraña desfrutar das súas rúas, con comodidade e seguridade”.