A roupa non ten xénero e estas rapazas si moito que dicir: "Todo vén da mesma tea e do mesmo fío"

Bueu
15 de febreiro 2021

Lía, Samella, Paula e Iria, alumnas do IES Johan Carballeira de Bueu, e Miguel, profesor, promoven o día 4 de cada mes unha reivindicación na que toda a comunidade educativa vai ao centro con saia para "romper cos estigmas sociais do xénero" e loitar por unha sociedade na que "cada un vista como queira" 

Miguel, Lía, Paula, Iria e Samella, no IES Johan Carballeira de Bueu
Miguel, Lía, Paula, Iria e Samella, no IES Johan Carballeira de Bueu / Mónica Patxot

Paula adoita vestir saia a diario e leva unha cando acode a esta entrevista. Iria non a usa nunca e, para a cita, usa un dos pantalóns do seu look habitual. Miguel non descubrira esta prenda ata o pasado mes de novembro e, despois de mercar unha para participar na primeira de moitas protestas da campaña 'A roupa non ten xénero', non dubida en asegurar que, se non fixera tanto frío, usaríaa con maior frecuencia. Tres persoas e tres exemplos de que a forma de vestir de cada quen non depende do seu xénero, senón dos seus gustos persoais e personalidade

Paula Montejano Otero e Iria Estévez Juncal son alumnas do IES Johan Carballeira de Bueu e Miguel Quiroga Bóveda, o seu profesor de física e química. Xunto con Lía Menduíña Otero e Samella Clara Honorato de la Moura, forman un equipo -todos se encargan de recalcalo- e desde e o pasado mes de novembro traballan nun proxecto co que lograr que a comunidade educativa do seu centro e, por extensión, toda a sociedade, se conciencie desa premisa: "A roupa non ten xénero". 

Entre os cinco organizan o día 4 de cada mes unha acción reivindicativa na que toda a comunidade educativa está chamada a ir ao colexio en saia e traballan nun proxecto de sensibilización e concienciación social máis ambicioso que xa deixou pegada no propio espazo de entrada ao instituto. Alí poden verse cordas con saias e unha ampla variedade de prendas de vestir e espazos nos que o alumnado pode crear o seu propio avatar para crear un personaxe co que se sinta identificado e cómodo e, tal e como explica Iria, "que sexa libre de expresarse como queira e sen ser xulgado por ninguén". 

Miguel, Lía, Samella, Paula e Iria reciben a PontevedraViva nunha das aulas do instituto ao remate da súa xornada lectiva e, nada máis chegar ao seu carón, xa permiten comprobar que as máscaras e a obrigada distancia social derivadas da pandemia da covid-19 non son impedimento para que entre eles se xerara un vínculo, unha unión que vai máis alá da creada entre catro alumnas de primeiro de bacharelato e o seu profesor na que a conciencia sobre o feminismo, a igualdade e a loita contra a discriminación de xénero actúa de pegamento para xuntar os seus camiños. 

Miguel explica a orixe das súas accións. O 4 de novembro impulsouse a nivel de todos os centros educativos de España unha protesta de apoio a Mikel, un alumno dun instituto do País Vasco que sufriu discriminación por parte dun profesor por vestir saia. O Johan Carballeira foi un dos moitos centros en sumarse á protesta, pero eles decidiron non quedar nesa acción puntual.

"Gustounos tanto a idea de reivindicar que a roupa non ten xénero, que os estereotipos de xénero realmente é algo contra o que temos que loitar, que decidimos darlle unha continuidade", explica Miguel. Desde aquela primeira edición, ven como cada mes logran máis apoios, tanto de alumnado como de profesorado e mesmo das familias, que a través das redes sociais chegan a compartir fotos en saia para sumarse á campaña. 

Segundo explica Iria, eles comezaron co 'icono' da saia "soamente para romper cos estigmas sociais do xénero", pero decidiron seguir adiante con esoutras liñas de traballo para  promover a liberdade de expresión e o debate social sobre estas cuestións.

En definitiva, o que buscan é que a poboación se conciencie de que "por ser muller non tes por que levar saia e por ser home non tes que levar pantalón, que cada un vista como queira" porque, en definitiva, como insiste Iria, "todo ben do mesmo, da mesma tea e do mesmo fío".

A medida que o programa gaña máis forza, hai máis xente implicada, en especial entre o profesorado e o alumnado da ESO, mentres que entre o alumnado de Bacharelato a participación quedou estancada, son os mesmos desde o principio. Miguel agradece de xeito especial o apoio de nais e pais, pois "é moi importante o apoio das familias e que vexan todo isto, a maneira de expresarse, como algo normal; que os seus fillos vaian con saia non significa nada, simplemente un neno que quere ir con saia".

Ese apoio en aumento dálles forzas para continuar na súa reivindicación de "non poñer barreiras, que cada un poida vestirse libremente e expresarse como quere" e, aínda que tamén houbo algunha xente que "non acaba de entender ou de sentirse cómodo" coa protesta, están seguros de que son unha minoría. 

Samella recoñece que está impresionada con ese apoio crecente, pois "non esperaba que fora tanto". Recibir tanto respaldo resúltalle "motivador" e lévaa a ter unha perspectiva de futuro optimista. "Si é verdade que necesitamos facer bastantes cambios aínda, pero podemos facelo co apoio que estamos recibindo de pais, alumnos, profesores... É bastante incrible", sostén. 

Paula destaca o apoio dos homes do instituto e tamén o dos máis pequenos do centro, mentres que na súa clase de bacharelato "polas razóns que sexa, non se animaron tanto", entre os niveis inferiores "cada vez hai máis rapaces que veñen con saia e van ás actividades".

Co seu traballo están a lograr maior conciencia, pero son conscientes de que queda "moitísimo por facer". "Ogallá isto non fora necesario, pero recordade que isto naceu a partir dunha discriminación por parte dun profesor a un alumno", lembra Miguel, que, a pesar de todo, é optimista. 

Ese optimismo deste profesor de Bueu baséase, entre outras cuestións, na implicación das súas catro alumnas e compañeiras deste equipo pola igualdade. "Coido que xeracións e persoas como as miñas catro compañeiras son un exemplo de que imos polo camiño correcto, que temos que seguir por aí, pero aínda queda moito", explica, orgulloso de que as súas compañeiras logren sacar tempo de onde non o teñen para poder traballar neste proxecto, sempre no seu tempo libre, en recreos, ao remate das clases ou nas súas casas. 

Ese camiño pendente é rematar tamén con comportamentos como xente que xulga a outras persoas por ser muller e ter moitos amigos homes ou viceversa e aqueles que cuestionan as nenas que visten con pantalón, pero tamén niso consideran que se ten avanzado e, xeración tras xeración, vanse dando pasos.  "Imos polo camiño correcto e temos moita forza", afonda Miguel.