O proxecto da Rolda Leste de conexión a Montecelo desbloquéase. Leva cinco anos de tramitacións e agora comeza a verse a posibilidade de que nos próximos meses poidan iniciarse as obras desta estrada que unirá O Marco con San Amaro cun novo trazado. Así o afirmaba o concelleiro César Mosquera despois de que se tratase o tema na Xunta de Goberno local.
O proxecto inicial tivo que modificarse despois de que a Deputación detectase deficiencias. A empresa á que se adxudicou o proxecto presentaba a renuncia porque as modificacións ás que obrigaban os informes obrigaban a un incremento da partida orzamentaria.
Ante esta situación, se reformulou o proxecto para incluír entre outras peticións, un maior número de lombos no tramo da estrada de Ponte Caldelas, a petición da Axencia Galega de Infraestruturas, organismo dependente da Xunta.
A obra asúmese a través dun convenio entre o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial, que se modificará axustándose aos novos prazos. Inicialmente, cada administración tiña previsto asumir o 50% do custo da obra, pero ao incrementarse o seu orzamento Mosquera sinala que, probablemente, a Deputación pasará a custear o 70% do proxecto.
Os gastos de expropiación sitúanse en 1,1 millón de euros cando o inicialmente previsto neste concepto axustábase a 600.000 euros. Segundo explicaba César Mosquera, no proxecto orixinal non se contemplaron dúas torretas eléctricas que era necesario trasladar nin tampouco había estudo ambiental nin de Patrimonio.
O orzamento inicial para o proxecto de obra achegábase a 1,7 millón de euros cando se adxudicou en 2015, agora ao incluír os cambios técnicos reclamados polas distintas administracións, situaríase por encima dos 2,2 millóns de euros, segundo calcula o tamén vicepresidente da Deputación.
A Rolda Este terá ademais un novo trazado, que xa foi aprobado polos técnicos municipais. Irá desde a estrada PO-542 O Pino-Bora ata a EP-003, a rúa Pedra do Lagarto. Na intersección haberá unha nova rotonda. Desde aí, continuará ata conectar coa PO-532, estrada Pontevedra-Ponte Caldelas, a través doutra rotonda que permitirá a ligazón con Montecelo e Príncipe Felipe.
Esta nova vía de circunvalación da cidade de Pontevedra terá dous carrís de 3,5 metros, beiravías dun metro e unha senda peonil de 4 metros con carril bici incorporado
O goberno local quere licitar as obras antes do verán para comezar os traballos dentro deste 2017 e espérase que o proxecto se execute no prazo dun ano.