A Rolda Leste entrará en funcionamento en maio

Pontevedra
12 de decembro 2018

A primeira fase dos traballos está a piques de rematar e nela marcouse a traza da nova estrada, fixéronse os recheos e movementos de terras, abriuse a canteira do acceso a Montecelo para instalar a nova glorieta e tamén se están a realizar os traballos de traslado das torres de tensión de Fenosa

Obras de construción da Ronda Leste
Obras de construción da Ronda Leste / Mónica Patxot

As obras da Rolda Leste de Pontevedra impulsadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra están xa no final da súa primeira fase e prevese que finalicen dentro do prazo oficial de execución, o que permitirá abrir a nova estrada de acceso a Montecelo e poñela en servizo en maio de 2019.

Así o explicou este mércores o enxeñeiro provincial José Domínguez na visita do vicepresidente da Deputación César Mosquera e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á traza da nova vía.

A primeira fase dos traballos está a piques de rematar e nela marcouse a traza da nova estrada, fixéronse os recheos e movementos de terras, abriuse a canteira do acceso a Montecelo para instalar a nova glorieta e tamén se están a realizar os traballos de traslado das torres de tensión de Fenosa.

A segunda fase da obra iniciarase en xaneiro, cando se prevén meter soterradas as tubaxes e canalizacións de servizos (electricidade, telecomunicacións, gas, subministro de auga, saneamento e pluviais), para despois botar as capas da base do firme e o aglomerado.

A terceira e última fase, xa na primavera, será a máis estética e servirá para instalar a nova iluminación, a sinalización vertical e o pintado da horizontal, así como a execución da senda peonil e ciclista.

Ante o bo avance da nova estrada, o vicepresidente Mosquera manifestou a súa satisfacción por non ter sufrido atrancos na execución desta obra "moi demandada e moi demorada", xa que pasou por moitas voltas para, finalmente, ser concibida como unha estrada urbana adaptada ao territorio que servirá de alternativa aos tránsitos que hoxe pasan pola rúa das Pereiras e a rúa das Olivas.

Esas vías, dixo o vicepresidente, non teñen a capacidade de absorber o tráfico que vai cara a Montecelo pola súa escasa sección, o que fai que a circulación estea molestando moitísimo á veciñanza. 

"Esta vía é un exemplo do que deben facer as administracións locais, xa que ás veces fan falta infraestruturas modestas, pero non por iso menos importantes, porque son as que vertebran o territorio e permiten a mobilidade", salientou.

Pola súa parte, o alcalde Fernández Lores destacou que a rolda vai resolver moitos problemas de mobilidade e recordou que a obra parte dunha reunión de iniciativa do Concello no ano 2004 (a coñecida como M-4) na que se deixou definida a rede viaria de todas as administracións que son necesarias para Pontevedra e a comarca. "Esta obra vai moi lenta, pero é a máis rápida de cantas se plantexaron. É a primeira da M-4 que se vai executar", subliñou.

Arquivado en