O Pleno da Deputación de Pontevedra, que se celebrará o vindeiro día 31 de outubro, aprobará o proxecto da Rolda Leste de Pontevedra. Trátase dunha obra que suporá unha inversión de 2,3 millóns de euros.
Esta actuación é froito dun convenio co Concello de Pontevedra, entidade esta última que será a encargada do pagamento das expropiacións precisas para realizar a obra.
O traballo inclúe a construción da Rolda Leste de Pontevedra, que irá dende a estrada Ponte Bora - O Pino ata a PO-532, estrada Pontevedra - Ponte Caldelas, e inclúe o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe.
As obras previstas afectan a 63 propietarios e serán precisas expropiacións de 33.472 metros cadrados de terreos labrados, de 15 eucaliptais e tres carballeiras e de solo non urbanizable común e rural.
O trazado terá unha lonxitude de 970 metros transcorrendo de sur a norte e lixeiramente cara ao leste pola zona interior do concello. Esta nova vía de circunvalación terá dous carrís de 3,5 metros, beiravías de un metro e unha senda peonil de catro metros.
A via proxectada enlazará a glorieta esistente na PO-542 (tramo Pino-Bora) coa estrada provincial EP-0003, resolvendo a intersección mediante unha glorieta. A vía continúa ata a conexión coa estrada PO-532 cuxa intersección se resolve cunha terceira glorieta, a cal, á súa vez, enlazará coa vía que dá acceso a Príncipe Felipe e o Hospital de Montecelo. Este acceso será modificado para conectarse coa nova glorieta.
As obras teñen un prazo de execución de nove meses.