A ría de Pontevedra marcará as prioridades da acción parlamentaria do BNG

Pontevedra
28 de agosto 2018

O parlamentario do BNG, Luís Bará, presentou este martes en rolda de prensa algunhas das iniciativas que os nacionalistas van presentar para esixir ao Goberno central a aprobación inmediata da caducidade da concesión da fábrica de Elnosa en Lourizán e recuperar o compromiso asinado polo Partido Popular coa empresa para o traslado da clorera

Luis Bará, parlamentario do BNG
Luis Bará, parlamentario do BNG /

A ría de Pontevedra marcará as prioridades do BNG no Parlamento galego para o novo curso político que estará afectado polas próximas citas electorais municipais e europeas.

O parlamentario do BNG, Luís Bará, presentou este martes en rolda de prensa algunhas das iniciativas que os nacionalistas van presentar para esixir ao Goberno central a aprobación inmediata da caducidade da concesión da fábrica de Elnosa en Lourizán e recuperar o compromiso asinado polo Partido Popular coa empresa para o traslado de la clorera "preferentemente na comarca de Pontevedra, porque non temos que renunciar a esta actividade industrial", dixo.

Igualmente o Bloque insistirá en demandar que se aborde o desmantelamento de Elnosa e impulse un proxecto de recuperación ambiental dos 12.000 metros cadrados de terreo público que actualmente ocupa.

Ao mesmo tempo o BNG exporá iniciativas respecto de ENCE,  "vai ser unha batalla constante, contínua e contundente" centrada fundamentalmente na anulación da prórroga "concedida de maneira vergoñenta polo Partido Popular" no ano 2016 "cun goberno en funcións". Luís Bará adiantou que "esixiremos ao Partido Socialista que deixe de botar balóns fóra e deixe de escaquearse" e responda os requirimentos feitos polo Concello de Pontevedra.

Segundo Luís Bará "o PSOE anda agora xogando con triquiñuelas con manobras dilatorias" dicindo que o asunto está xudicializado e que hai que esperar a resposta dos tribunais aos recursos interpostos, mentres que o BNG mantén que hai capacidade de actuación para revisar unha decisión adoptada polo anterior goberno ou buscar unha vía de violación ante a Audiencia Nacional para que non se siga esa vía.

En canto ás competencias da Xunta de Galicia os nacionalistas reclamarán que non se tramite a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para "consolidar o complexo industrial de Ence cunha nova instalación de xeneración a partir de biomasa".

Tamén retomarán asuntos como "a vella promesa incumprida" do saneamento integral da ría de Pontevedra, defenderán a construción dunha nova depuradora na marxe norte, tamén continuarán demandando a súa dragaxe.

Finalmente, pedirán un plan de mellora integral de mobilidade e seguridade viaria da rede viaria autonómica.