Cúmprense trescentos anos desde que o intendente xeral da Armada José Patiño impulsaba a creación da Real Compañía de Gardamarinas. Desde entón, a Escola Naval Militar foi o único centro docente onde os oficiais da Armada española reciben a formación científica, humanística, militar e mariñeira necesaria para exercer o seu labor nos buques e unidades da Armada.
Con motivo da celebración das súas tres centurias están a desenvolverse diferentes actos con motivo deste aniversario. Entre eles, o 21 e o 22 de abril disputarase unha regata conmemorativa na Ría de Pontevedra, contando cunha importante participación de guardiamarinas estranxeiros. O 20 e 21 de maio, nas rías de Pontevedra e Vigo, celebrarase tamén unha regata de cruceiro ORC Organizada polo Real Club Náutico de Vigo e a Comisión Naval de Regatas de Escola Naval Militar.
O sorteo do 1 de maio, o cupón da Once celebrará esta efeméride cun boleto conmemorativo.
E en colaboración, a Escola Naval e o Concello de Marín teñen previsto organizar unha carreira popular e unha competición infantil durante o 19 de maio.
Por outra banda, o venres 2 de xuño, presidido por unha alta autoridade do Estado, realizarase unha parada naval na Ría de Pontevedra coa participación de moitas unidades da Frota entre as que se atoparán o Buque Escola 'Juan Sebastián Elcano' e o LHD 'Juan Carlos I'. Ao finalizar, celebrarase na ENM un acto militar aberto ao público con presenza de autoridades nacionais e estranxeiras, que consistirá nunha homenaxe aos caídos seguido dun desfile do batallón de alumnos.
A fin de semana do 27 e 28 de maio, coincidindo co día das Forzas Armadas, celebraranse unhas xornadas de portas abertas na Escola Naval de Marín.