Continuamos repasando os proxectos que participaron no primeiro Plan Social de Ence. Un ano despois, coas accións xa finalizadas, facemos balance de dúas iniciativas que contribuíron a poñer en valor a Ría de Pontevedra: a competición Ence Rowing Cup e a exposición 'O patrimonio da nosa Ría'.
Unha das principais razóns para incluír Marín no circuíto de campionatos de remo foi, como nos indica Manuel Pedro Seoane, o secretario xeral da Semana Abanca, onde se inclúe a Ence Rowing Cup, que "a Ría de Pontevedra é un marco privilexiado para practicar os deportes náuticos".
Foron tres os eventos deportivos da Ence Rowing Cup co remo como protagonista: a competición de Remo Ergómetro, o Remo Tradicional e o Remo Olímpico, unha proba da Copa Galicia que "a pesar de ter dous intentos en dúas xornadas diferentes, o mal tempo impediunos completar a competición".
A proba máis popular foi a do Remo Ergómetro entre escolares, cun claro obxectivo de promover o deporte do remo desde idades temperás e fomentar a canteira. Foi tal o compromiso con esta actividade, que o Club Vila de Cangas cedeu as súas máquinas para a competición e o Club Ría de Marín impartiu clases gratuítas nos colexios para que os máis pequenos se familiarizasen cos remoergómetros, as máquinas que simulan a acción de remar. O Colexio Inmaculada de Marín foi o gañador por equipos e, como premio, realizou unha visita cultural á Coruña, financiada polo Plan Social de Ence e o Concello de Marín.
Grazas a este apoio de Ence, púidose dar maior entidade á competición de remo na Ría de Marín-Pontevedra, que culminou coa celebración, o pasado ano, da Gala do Remo "co cal tivemos en Marín a entrega de premios aos mellores remeiros e remeiras de Galicia e aos clubs, e foi unha auténtica festa do remo que fixo que, por un día, Marín se convertera na capital galega do remo".
A Ría de Pontevedra tamén foi protagonista do segundo proxecto do que nos ocupamos: a exposición 'O Patrimonio da nosa Ría', un percorrido gráfico pola historia cultural e industrial de Pontevedra vinculada á súa costa. Esta mostra estivo organizada pola Asociación de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas e comisariada por Milagros Bará e Amancio Landín.
Milagros Bará explica que o proxecto presentado ao Plan Social foi concibido con dous obxectivos. Por unha banda, "o contido temático da propia exposición, dividido en 36 puntos, por tanto moi ambicioso" e no que se recollían, por orde cronolóxica, diferentes temas da historia da Ría de Pontevedra, desde a súa formación xeolóxica ata finais do século XIX. E por outro, "que fose unha exposición para todo o mundo, dun experto a un profano, ou tamén o caso dos nenos que viñeron de colexios, que neste caso era unha visita guiada adaptada a eles".
Segundo as opinións das moitas persoas que se achegaron a ver a mostra, esta exposición era moi necesaria para poñer en valor o patrimonio cultural, económico e social dunha contorna cargada de historia. Por iso, Milagros Bará insiste en que "a iniciativa do Plan Social de Ence é única, porque está a dar cabida a moitas persoas e colectivos que queren facer proxectos interesantes, para que os poidan realizar".
A mostra tivo tan boa acollida que os organizadores xa contemplan dar continuidade ao proxecto coa historia da Ría de Pontevedra durante do século XX, onde "houbo un desenvolvemento empresarial intimamente ligado ás actividades do mar, con moitas empresas familiares". Esperan poder levalo a cabo en 2019, xa que, á parte do labor de investigación e documentación, vai requirir un extenso traballo de procura de materiais: "a anterior exposición foi un percorrido gráfico e na nova vai haber pezas físicas".