Os técnicos municipais revelaron a existencia en todo o municipio de mil vaos máis dos que estaban rexistrados no Concello. Non se penalizará pola súa existencia pero, a partir de agora, se os seus titulares queren mantelos terán que abonar a taxa correspondente.
O traballo de campo realizado para identificar, revisar ou renovar todos os vaos que existen no concello concluíu coa identificación de 2.903 vaos fronte os 1.873 que estaban inscritos nos distintos padróns municipais.
Agora será a quenda do proceso administrativo para regularizalos. Para iso, o Concello pide a colaboración de todos os interesados, especialmente, das comunidades de propietarios, xestorías e administradores de fincas. O obxectivo é a que as novas placas, que homologarán os vaos, poidan estar entregadas -ou notificadas- a finais deste ano ou primeiros do que vén.
Mentres se realizaba o traballo de campo, fóronse tramitando as primeiras placas oficiais de vaos, que entrega gratuitamente o Concello a cada propietario.
Dende a primeira placa colocada o pasado mes de outubro na entrada de carruaxe do Hospital Provincial a día de hoxe entregáronse 137 vaos oficiais, é dicir, placas homologadas polo Concello -e as únicas legais-.
Están pendentes de notificar 200 expedientes regularizados, dos que 90 están á espera de que as comunidades de propietarios ou os administradores de fincas soliciten a renovación.
O equipo de técnicos municipais, formado por catro persoas que traballaron polas tardes para non colapsar ás oficinas de disciplina urbanística e arquitectura, elaborou unha base de datos que contén na actualidade 1.922 expedientes (ou vaos) e faltan por incorporar 981.
Con esta revisión dos vaos, o Concello busca actualizar os vaos que teñen licenza e pagan taxa, dar licenza a aqueles que pagan taxa pero non están autorizados e regular os que non teñen nin licenza nin pagan taxa.
O Concello é o que entrega as placas de vaos oficiais e homologadas (a custe cero), tratando de unificar tanto a estética como de regularizar a diversa casuística existente na actualidade. O custe de todas as placas foi de 16.800 euros.
Segundo recolle a ordenanza fiscal de entrada de vehículos a través das beirarrúas, por cada vao os garaxes e aparcadoiros particulares de vivendas unifamiliares ou fincas e recintos particulares pagarán 24,63 euros; mentres que os garaxes de comunidades para uso exclusivo de vivendas terán que engadir a esa cantidade 3,70 euros por cada praza de aparcamento.