A revisión da ponte dos Tirantes obriga a pechala ao tráfico durante este xoves

Pontevedra
20 de marzo 2019

Esta inspección está incluída dentro dun plan máis amplo no que se revisarán todas as pontes de titularidade municipal: Correntes, das Palabras e de Santiago. A ponte do Burgo e a pasarela peonil xa foron inspeccionadas e non ofrecen problemas nas súas estruturas

Río Lérez coa marea alta á altura da ponte dos Tirantes
Río Lérez coa marea alta á altura da ponte dos Tirantes / PontevedraViva

Este xoves está previsto acometer traballos de revisión da ponte dos Tirantes e será necesario pechalo ao tráfico rodado. A inspección levará a cabo entre as 09.15 e as 13.30 horas en sesión matinal e a partir das 15.15 horas ata que finalicen durante a tarde. Será necesario instalar un guindastre de gran tamaño, ao mesmo tempo que facer catas no alicerce de formigón. Para evitar problemas de seguridade, o tráfico pecharase durante as horas que se estea traballando. O peche, en todo caso, ten en consideración a zona escolar.

A estrutura ten máis de 20 anos e está integrada por diversos elementos de formigón armado e aceiro  laminado. O ambiente mariño resulta moi agresivo, ante a presenza de  cloruros, e iso causa deterioración por  corrosión de armado. Nestes traballos probarase o estado do formigón e das armaduras.

REVISIÓN DOUTRAS PONTES

Esta actuación forma parte dun plan de revisión das distintas pontes de Pontevedra. Na ponte do Burgo xa se levou a cabo aproveitando o comezo dos traballos para peonalizar esta infraestrutura. Inicialmente non se acharon problemas pero o Concello mantense á espera do informe definitivo da empresa consultora,  Enmacosa. Tamén se atopa finalizada a revisión da pasarela peonil da  Illa das Esculturas, que tampouco ofrece danos na súa estrutura.

En próximas datas abordarase a revisión da ponte das Palabras e o das Correntes. Ademais, desde o goberno local mantéñense en contacto coa consultora que se encargou do deseño da ponte de Santiago para determinar en que momento haberá que afrontar eses traballos de inspección. O material documental desta ponte desapareceu nun incendio e, por tanto, nin a Xunta nin o  Concello contan co proxecto de construción.